RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián advirte que o Dépor irá a #ONOSODERBI "coma se xogásemonos a vida nel"

Adrián López compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

Antes de contestar as preguntas dos profesionais da información, o dianteiro asturiano quixo felicitar ao Deportivo ABANCA, que onte se proclamou en Lugo campión da Copa Galicia: "Quería felicitar ás mozas do feminino porque onte conseguiron a Copa de Galicia. Mandarlles un forte abrazo, as nosas felicitacións, e que sigan así".

Recoñeceu que "quedamos amolados o outro día porque sabemos que estamos descendidos. A xente está co ánimo de terminar os 3 partidos que nos quedan da mellor maneira posible. Empezando polo desta fin de semana, que como todos sabedes é un partido importantísimo, o derbi. Queremos dar unha imaxe boa como consideramos que vimos facendo nesta parte final".

Asegura que o vestiario quere agora "acabar ben o ano. Tentar gañar o derbi esta fin de semana, que sabemos que sería importante para toda a xente deportivista, para nós. Estamos centrados niso porque somos profesionais e é o que hai que facer. Hai que terminar da maneira que está a xogar o equipo, que creo que é boa. O outro día acabouse perdendo. Eu que puiden ver o partido desde fóra, que ás veces o ves todo un pouco mellor, estaba moi orgulloso do partido que estaba a facer o equipo".

Apunta Adrián que "sería unha alegría, dentro desta decepción que todos temos, gañar o derbi para a afección, para o Club, para nós persoalmente. Oxalá podamos facer un gran partido en Balaídos", este sábado 5 de maio ás 18:30 horas (Bein LaLiga).

Por este motivo, recoñece que "non é a mellor situación" para chegar a #ONOSODERBI, "pero o míster que temos é moi bo. Desde que chegou sempre nos transmitiu un positivismo enorme. Sempre nos transmitiu que hai que dalo todo no campo sempre. Ten razón. Nós temos que facer iso por nós mesmos, polo escudo, pola nosa afección. Hai que xogar o partido coma se xogásemonos a vida niso. Á parte é un derbi, que todos sabemos que non é un partido máis. É un partido especial. Por tanto, temos que tentar facer o mellor fútbol posible, tentar gañar o partido. Todos vimos que o equipo ha ir de menos a máis, aínda que desgraciadamente non valeu para salvarnos. O equipo está a facer as cousas ben desde hai bastante tempo. Debemos de seguir así".

A nivel persoal, o ariete deportivista salientou que coa súa fichaxe polo Dépor "buscaba un sitio onde ter continuidade. Nese aspecto estou moi feliz de estar aquí este ano. Para min foi un orgullo volver ao Dépor e estar aquí, ser capitán. Foi un grandísimo orgullo. É unha pena que pasase o que pasou. Estou contento a medias. Gustaríame dar aínda máis para conseguir o obxectivo común, que era tentar salvarnos. A todos gustaríanos poder dar máis".

Achaca a "cousas do fútbol" os dous descensos que viviu no Deportivo: "Non pensaba que puidese volver pasar cando vin. Non era o meu pensamento. Pero volveu a pasar. É unha pena tremenda que me deixa volver vivir esta situación. Ás veces o fútbol é así. O primeiro descenso foi raro, cunha puntuación que nunca se viu descender así. E este quizais na primeira parte da liga faltáronnos máis cousas, pero logo o equipo mellorou moitísimo. Faltounos un pouco de fortuna nalgúns partidos de casa que se nos escaparon uns cuantos puntos. Sacamos uns cuantos empates en casa que tranquilamente podían ser vitorias. Pero pasa no fútbol. E é unha pena. Todos os anos en todos os equipos nos que estiven ao final sempre te levas 3, 6 puntos... sempre hai un par de partidos que se decantan para ti aínda que non o merezas. Pero este ano non tivemos a sorte de ter un punto deses. E é raro. Somos o equipo que despois do Barça e o Real Madrid tira máis postes, é outro dato fóra do normal. Ao final son cousas que pasan no fútbol e por desgraza pasoume a min dúas veces".

Após consumarse o descenso, pide facer unha análise "por parte da directiva, por parte de xogadores, de técnicos. Ao final cando chegas a unha situación así, todos temos que ver nela. Ao final entre todos hai que tentar reconstruír iso para que non volva ocorrer. Todas as partes teñen a súa parte de culpa".

Sobre o seu futuro, lembra que "teño que volver a Porto. Non sei o que vai pasar. Os veráns alí son un pouco complicados. Cando empece alí o Porto a pretemporada, alí terei que estar".

Insiste en que "para min o importante era este ano. Vin cunha ilusión tremenda e con ganas de que fose un bo ano para o Dépor, para min, para todos. Ao final non puido ser".

Preguntado pola continuidade de Clarence Seedorf no banco do Deportivo a próxima temporada, indica que "non podo entrar moito a valorar. Ao final é un tema que a directiva, o Club, o míster teñen que poñerse de acordo. O que si está claro e todos vimos que coa súa chegada conseguimos o que non conseguiramos durante parte do ano. Creo que fomos un equipo máis sólido, máis intenso. El tivo moito que ver niso".