RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños resalta sobre os 24.000 socios alcanzados que "é algo especial, que non se ve en ningures"

Álex Bergantiños, capitán do Deportivo, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo na última comparecencia pública de #OSNOSOS neste ano 2022.

Co Club xa por riba dos 24.000 socios, o mediocentro coruñés cre que #ANOSAFORZA "é algo especial, que non se ve en ningures" e lembra que "o único activo que ten o Deportivo é a súa afección".

Estas foron algunhas das súas frases:

Balance do ano 2022
"O ano loxicamente está marcado polo playoff que se nos escapou nos últimos minutos aquí en ABANCA-RIAZOR, con todo o que vivimos, con todo o que foi o proceso do playoff, das semifinais, da final, coa prórroga e o final dramático que tivemos. Como sempre nos adoita pasar por desgraza nos últimos anos creo que serviu para unirnos outra vez nun momento difícil e agora xa pensando no presente e tentando a ver se por fin este ano conseguimos ese ascenso que tanto desexamos".

Balance individual
"Temos moitos xogadores na posición, o equipo está a mesturar ben e creo que as características dos que temos por dentro están a mesturar moi ben. Agora mesmo estou a ter un papel máis de asegurar nas segundas partes ou de tentar no día a día en adestramentos e demais, achegar un pouco a miña experiencia ou o meu graniño de area no que poida axudar tanto ao adestrador como aos compañeiros. Hai que estar sempre preparado para cando toque e tentar ser útil no día a día".

Cambios tácticos con Óscar Cano
"Sobre todo conseguiu soltar un pouco ao equipo. Incidiu moito en que tivésemos conexións novas, que xogásemos un pouco máis libres en certas fases ofensivas e tamén o permitir menos contraataques do rival. Niso cortamos un pouco con relación ás primeiras xornadas e estase vendo que concedemos menos, transítannos menos e iso fai que as ocasións sexan menores e que sexamos dos equipos menos goleados. Agora a tentar seguir crecendo".

Chegada dun dianteiro
"É difícil xulgar porque todos temos opinións individuais dun xogador, doutro, de como xoga o equipo... Non me corresponde a min valorar iso porque calquera faceta do xogo depende de conceptos colectivos e de como funciona o equipo. Temos xogadores de segunda liña que tamén fixeron moi bos números de goleadores... É un proceso colectivo e non só é o dianteiro o determinante".

Mercado de fichaxes
"Calquera equipo sempre busca mellorar. Aí estará a traballar a Secretaría Técnica ao máximo, que sempre no inverno é un mercado moi difícil para poder mellorar. Niso están, buscando alternativas e a ver se podemos mellorar algunha posición".

Diferenzas entre o Dépor de ABANCA-RIAZOR e o de fóra
"Pasou o ano pasado tamén moito. Pásalle a todos os equipos. É moi diferente como che sentes xogando no teu campo, coas túas dimensións, céspede... A tranquilidade que che dá o teu campo á de xogar fóra. Temos que subir un punto máis fóra de ABANCA-RIAZOR a pesar de que estamos a sacar bos resultados, algunhas vitorias importantes nos últimos partidos. Ese proceso ten que ser parte da evolución do equipo. Gañar sen merecer tanto algúns partidos fóra de casa vai facer que collamos confianza para que, despois deses resultados, tamén veña a melloría no xogo. Temos equipo e capacidade para fóra de ABANCA-RIAZOR ter mellores momentos con balón e dominar máis, como facemos aquí".

Ascenso como necesidade persoal
"Un sempre quere vivir momentos bonitos. Desgraciadamente os últimos anos foron malos. Teño a sorte dunha carreira ampla, vivín anos marabillosos aquí con ascensos, anos bos en Primeira. Agora está a tocar esta etapa de malos momentos, de conflitos, de cousas extradeportivas que me tocaron vivir en primeira persoa. Hai que aprender do presente, gozar da profesión e do que poida un axudar. Despois haberá tempo de facer balance. Todos queremos vivir momentos bonitos, estamos centrados no presente e oxalá sexa este ano o de volver ao fútbol profesional. Levamos 3 anos e o lugar do Deportivo está arriba. Poder vivilo desde dentro será especial".

#ANOSAFORZA, con 24.006 socios
"O máximo erro que poderiamos cometer é normalizalo, non darlle importancia e non valoralo. O único activo que ten o Deportivo é a súa afección e o deportivismo. É algo especial, que non se ve en ningures e que une moito máis nos malos momentos. Oxalá podamos por fin gozar e deixar de vivir eses finais de temporada traumáticos que tivemos nos últimos anos. Sobre todo pensando tamén na xente máis nova, que viva unha alegría de deportivismo con ese ascenso que tanto desexamos e que ese esforzo que fai #ANOSAFORZA connosco, tanto aquí como nos desprazamentos, teña recompensa vivindo tamén un momento bonito".