RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex viu un partido "trampa" e Villares asegura que "ninguén pode estar contento coa primeira parte"

Álex Bergantiños e Diego Villares pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O capitán deportivista cre que no partido "pasou un pouco de todo. Partido trampa, partido difícil. Viñamos duns encontros con bo nivel de xogo, dominando. Veu o parón e logo o partido en ABANCA-RIAZOR co pechacancelas. Non soubemos interpretar ben ese xogo directo que tiñan e fíxonos estar moi frustrados na primeira parte sobre todo, con sensacións estrañas entre nós".

Desvela que mesmo lle fixo lembrar o partido ante o Extremadura UD da fatídica temporada do descenso a Segunda B: "Foi algo moi similar que acabou supoñendo practicamente o noso descenso. Hoxe acabou ben".

Apunta que o que o equipo ten que facer é que "todo isto que está a pasar nos últimos partidos sírvanos para aprendizaxe de todo tipo, nós que sabemos que imos xogar o play off desde hai tempo: nivel de xestión emocional, tipo de xogo ou maneiras de xogar dos rivais... E chegar o mellor preparados posibles".

Pola súa banda, a Diego Villares non lle gustou a súa primeira parte porque "ninguén pode estar contento. Na segunda melloramos un pouquiño pero na primeira custounos demasiado. Iso témolo que mellorar".

Explica que Borja Jiménez comentou aos futbolistas no descanso que "tiñamos que mellorar co balón, que estabamos moi precipitados. E iso estáballes dando a eles esas opcións de roubarnos aí arriba e meternos goles ou crearnos ocasións moi fácil".

Do seu gol, que supuxo o 4-3 definitivo, subliña que "intúo ese espazo que hai aí. Tampouco pensei nun primeiro momento en rematar pero vou ao primeiro pau como me tocaba nas accións de estratexia que tiñamos marcadas. E a celebración é a felicidade polo meu primeiro gol aquí".