A xogadora do Deportivo ABANCA B Carlota Sánchez está concentrada coa selección española sub-17 na Fase Final do Campionato de Europa da categoría.
Mañá martes 14 de maio, España mídese a Holanda (17:30) na localidade búlgara de Kabarna, por un posto na gran final.
España goleou o pasado sábado 11 de maio (0-6) a Portugal, no duelo decisivo para pasar de rolda. Carlota seguiu o choque desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.
A futbolista do Dépor ABANCA B estreouse o pasado mércores como goleadora no triunfo de España ante a anfitrioa Bulgaria (0-3). Após arrancar o choque no once titular, a atacante deportivista, no minuto 42 de xogo, aproveitou un rexeite da súa compañeira Isabel Pala para abrir o marcador e encarrilar o primeiro triunfo español no torneo.
Na segunda metade, concretamente no minuto 66, Carlota foi relevada por Ornella Vignola.
A xogadora coruñesa debutou no Europeo o pasado domingo 5 de maio ante Dinamarca no once inicial español. Xogou 64 minutos, ata que foi relevada por Julia Bartel.
O choque acabou en igualada (0-0), aínda que a selección española, vixente campioa, gozou de innumerables ocasións de gol, até un total de 24 disparos a porta.
O calendario de España, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:
Domingo 5 de maio ESPAÑA 0 - DINAMARCA 0
Mércores 8 de maio BULGARIA 0 - ESPAÑA 3
Sábado 11 de maio PORTUGAL 0 - ESPAÑA 6
Martes 14 de maio Semifinal 17:30: ESPAÑA - HOLANDA, en Kabarna
Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.