RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"É obvio que o Racing témolo lonxe pero non o perdemos de vista", advirte Calavera

Josep Calavera, titular ante o CF Rayo Majadahonda o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O mediocentro deportivista admite "ultimamente estou a contar máis para o míster, con moitos máis minutos; e contento, agradecido e con ganas de aproveitar as oportunidades que me dean. Estou a atoparme ben, estou a tentar dar o mellor de min para axudar ao equipo ao máximo a conseguir as vitorias".

Parella de Álex Bergantiños na sala de máquinas branquiazul a pasada fin de semana, afirma atoparse "ben. Coincidiramos pouco polo feito de ser xogadores cun perfil similar, aínda que creo que podemos complementarnos moi ben. Ao seu lado séntesche seguro. Ten moita experiencia, moitos partidos, transmíteche esa calma, esa tranquilidade e ese saber estar. Tento aprender moito del".

A nivel individual recoñece que o pasado sábado "non foron as miñas mellores sensacións porque sei que podo dar moito máis e que podo estar moitísimo mellor. Vou tentar seguir traballando para atopar esas mellores sensacións. O importante é que o equipo conseguiu a vitoria".

A pesar diso, confesa estar "moi contento cos minutos que estou a ter e eu véxome ben, moi ben. Logo pois seguramente con confianza, con minutos vas collendo máis confianza e vasche soltando máis e sentíndote máis a gusto. Atópome ben e espero seguir así".

Do partido último en ABANCA-RIAZOR ante os madrileños, lembra que "tivemos un arranque moi bo, sobre todo os primeiros 35 minutos ou así. Fomos moi dominadores, moi superiores. Atopámonos cos dous goles e púxollenos o partido moi de cara. Logo eles ao principio da segunda parte atopáronse co gol, deulles motivos e creron máis para para ir a polo partido. Eles tamén xogan, tamén son bo equipo. Nós soubemos resolvelo bastante ben porque nos defendemos moi ben. Se cadra faltounos un pouquiño máis de balón, facer algo máis de dano nas transicións pero creo que o equipo estivo moi ben, moi ordenado, moi ben situado encima do campo e iso permitiunos defender bastante ben a nosa portería e a vantaxe que tiñamos".

Sobre o futuro, Josep Calavera asegura que "estamos centrados no día a día, no partido deste domingo en Bilbao (12:00 horas, Footters e Fuchs Sports). É obvio que o Racing témolo lonxe pero non o perdemos de vista. Queremos ir sumando día após día e veremos até onde nos pode dar. Darémolo todo até o final e cando se teña que ver se temos que xogar playoff ou non veremos. A día de hoxe non pensamos moito máis alá. Temos un partido moi importante este domingo e estes días para preparalo, así que nos centramos niso".

Precisamente indica sobre o choque ante o Athletic Club B que "toca gañar, sobre todo tamén para encadear esas dúas vitorias, para que o equipo colla máis confianza, para recuperar esas boas sensacións. Traballamos moito para que así sexa e esperemos pois facer un bo partido e ter a posibilidade de levarnos os tres puntos".