RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Esta temporada non fomos capaces de manter a categoría d #ANOSAFORZA, do Club, da Cidade. #VOLTAREMOS!

O Deportivo espremeu ao máximo as súas posibilidades de seguir aferrándose ás matemáticas para continuar un ano máis en LaLiga Santander, pero non puido evitar que o Barcelona acabase levándose os tres puntos, e con iso o título ligueiro, grazas a dous goles nos minutos finais.

Clarence Seedorf, adestrador deportivista, cambiou dúas pezas con respecto ao once presentado na pasada xornada na visita ao Leganés. Michael Krohn-Dehli ocupou a posición de Pedro Mosquera, mentres Borja Valle entrou de inicio en detrimento de Adrián, que finalmente foi o descarte dos 19 convocados polo técnico holandés debido aos seus problemas físicos.

No seu primeiro disparo a portería, o Barcelona adiantouse no marcador. Philippe Coutinho rematou moi lonxe do alcance de Rubén, ao primeiro toque, un servizo por baixo desde a dereita de Ousmane Dembélé.

Ao fío do cuarto de hora, o colexiado anulou, despois de longas deliberacións co seu asistente, un gol de Lucas Pérez. O '7' deportivista recollera o despexe de Ter Stegen a unha cabezada de Albentosa, á saída dun córner botado por Emre Çolak.

No minuto 28, Borges recuperou un mal despexe de Marc-André Ter Stegen, cedeu a pelota para Borja Valle e este o probou de lonxe. O lanzamento do dianteiro berciano foise excesivamente alto. Acto seguido, o Barça trenzou unha acción polo extremo esquerdo, que concluíu nunha cabezada tan franca como desviada de Lionel Messi.

Comezou entón unha curta fase con claras chegadas do Barça. Primeiro, nun libre directo de Messi que Rubén desviou a saque de esquina coa xema dos dedos. Despois, Coutinho buscou a cepa do pau esquerdo da portería coruñesa. O coiro saíu moi preto da madeira.

Acto seguido, Borja Valle chegou moi xusto a un acrobático remate, en boca de gol, após centro de Juanfran. E no minuto 34, Schär cabeceou moi alto, aínda en mellor posición, ao bordo da área pequena, un fenomenal centro de Guilherme.

O Barça ampliou distancias no minuto 38. Dembélé conduciu unha contra que acabou cun remate de Messi no segundo pau a centro de Luis Suárez. O arxentino empalmou unha volea co interior do pé esquerdo. Rubén, aínda que tocou o esférico, non puido impedir que acabase no fondo das mallas.

Case sen respiro, o Dépor bateu a portería azulgrana. Borja Valle recortou á súa entrada na área polo extremo esquerdo, cedeu por baixo para Lucas e o dianteiro herculino rematou ao primeiro toque para coller a contrapé a Ter Stegen.

Aos 6 minutos de comezar a segunda parte, Rubén tapou un man a man a Messi. O porteiro deportivista desbaratou a clara ocasión saíndo a pés do dianteiro barcelonista.

O Deportivo respondeu o minuto 56, após un balón recuperado por Borja Valle a base de tenacidade. Emre Çolak buscou en profundidade a Lucas que, á entrada da área, conectou un potente zurdazo pero, centrado en exceso, que Ter Stegen detivo con seguridade.

Cinco minutos despois, Samuel Umtiti, nun saque de esquina, cabeceou por pouco por riba do traveseiro, nun saque de esquina. Acto seguido, empatou o Dépor. Borja Valle gañou un balón en profundidade para o extremo dereito, aguantou até ver a chegada dalgún compañeiro e buscou a incorporación ao segundo pau de Celso Borges, cun pase que cruzou por baixo todo a área. O costarriqueño, todo frialdade, cedeu cara ao centro para que Emre Çolak batese con comodidade a portería barcelonista.

No minuto 70, Fabian Schär cabeceou un saque de esquina lanzado por Emre Çolak. O remate picado do suízo detívoo o gardameta alemán sobre a mesma liña de gol. Tres minutos despois, un contragolpe do Barça culminouno Luis Suárez cun zambombazo o lateral dereito da rede da portería coruñesa.

Rubén evitou o terceiro tanto do equipo catalán no minuto 81. Messi conectou con Luis Suárez dentro da área. O uruguaio disparou ao primeiro toque, por baixo, pero o gardameta coruñés adiviñou as súas intencións. Rubén, con todo, non puido evitar o terceiro gol visitante nunha acción na que o Barça combinou e combinou nas inmediacións da área, para que Messi acabase rematando de socato ao fondo das mallas.

O golpe foi moi duro para os branquiazuis, que pouco despois encaixaron o cuarto tanto, tamén obra de Messi. Co partido sentenciado, o Dépor gozou dunha nova ocasión clara, nun contragolpe conducido por Emre Çolak que Fabian Schär rematou co seu pé dereito excesivamente cruzado.

Ao límite do tempo engadido, Rubén evitou o quinto tanto azulgrana, nun dereitazo de socato de Piquei a centro de Luis Suárez. O porteiro de Coristanco tirou de intuición e sacou coa súa man esquerda o potente remate do defensa barcelonista.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Luisinho, Borges (Andone, min. 86), Krohn-Dehli, Guilherme (Muntari, min. 83), Emre Çolak, Lucas e Borja Valle (Fede Cartabia, min. 86).

FC Barcelona: Ter Stegen, Semedo, Piqué, Umtiti, Jordi Alba, Rakitić (Iniesta, min. 87), Busquets, Coutinho (Paulinho, min. 74), Dembélé (Denis Suárez, min. 68), Luis Suárez e Messi.

Goles: 0-1 Coutinho (min. 7); 0-2 Messi (min. 38); 1-2 Lucas (min. 40); 2-2 Emre Çolak (min. 64); 2-3 Messi (min. 82); 2-4 Messi (min. 85).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (c. vasco). Cartón amarelo a Schär (min. 20) e Semedo (min. 58).

Incidencias: partido da 35ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 25.786 espectadores.