RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Granero pide "enfocar todas as semanas coma se fose a última" e William pide "seguir con continuidade"

Dous dos goleadores do Deportivo no Municipal de Villaviciosa de Odón, Borja Granero e William de Camargo, pasáronse pola zona mixta.

O central valenciano cre que o encontro foi "moi complicado. Atopámonos o que falaramos durante a semana: un partido de disputas, que tiñamos que tentar ser nós mesmos. A pesar de adiantarnos non empezamos ben pero logo habemos ir axustando e ao final merecemos levarnos os tres puntos".

Insiste en que o choque foi "duro, moi duro, con moitas disputas. Os dous equipos queriamos impoñernos. Houbo momentos para os dous e ao final temos ese talento igual que outros equipos non teñen. Hoxe fíxoo Willi e outro día farao outro. Compromiso seguro que non falta".

Por mor do seu gol, Borja Granero advirte que "temos que aproveitar un pouco máis as accións a balón parado. Temos bos sacadores e bos rematadores. Entramos os dous como elefantes alí. Lapeña pegou ese balón até a liña e eu atopei ese oco".

Asegura que a súa mente está posta xa no Zamora CF deste mércores 26 de xaneiro no Estadio Ruta de la Plata (20:00 horas, Footters): "Penso en gozar hoxe, a volta e mañá a traballar outra vez. Os futbolistas o que queremos é competir e cantos máis partidos haxa mellor".

Finalmente coincide con Borja Jiménez en que a primeira volta do Deportivo foi sobresaliente: "Fixemos unha boa primeira volta. Non vai valer de nada se non fas ben as cousas partido a partido como creo que foi esa primeira volta. Ese foi o segredo, que non é tan segredo: enfocar todas as semanas coma se fose a última, darlle importancia a todos os partidos e sobre todo enfocalas sendo nós mesmos".

Pola súa banda, William, autor do terceiro e definitivo gol, conta que nesa acción "metinme cara adentro buscando o espazo para sacar o tiro. Saíume ben". "Sempre busco meterme cara adentro, o que pasa é que é moi difícil porque sempre chega axuda. Cando consigo o espazo saco tiro. Vino adestrando, saíame ben, e menos mal que me saíu ben neste partido", engadiu.

O atacante brasileiro asegura que o vestiario branquiazul era consciente "do complicado que era este campo, o importante que era gañar este partido. Os 3 puntos de hoxe valen igual que os de Zamora, que os do Racing. Temos que seguir con continuidade, facéndoo ben como estámolo facendo".

Na súa opinión, esta serie de 3 partidos en 7 días "é moi dura. Temos que celebrar pero mañá esquecer estes 3 puntos para buscar os 3 puntos de Zamora e logo do Racing".

Ademais, nun exercicio de honestidade, cre que o árbitro acertou ao non sinalar penalti sobre el mesmo: "Non foi. Viu que estirei a perna un pouco e déixome caer. Non creo que fose penalti".