RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Granero, sobre o playoff: "Se nos toca xogalo e imos pensando que é pouco ou que merecemos máis, xa imos perdendo"

Borja Granero, titular a pasada fin de semana ante o CF Rayo Majadahonda, confesou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR estar "contento por axudar ao equipo cando me toca xogando e cando non tamén contento de facelo".

Valora como necesario o triunfo este domingo 10 de abril en Lezama ante o Athletic Club B (12:00 horas, Footters e Fuchs Sports) "non só para a confianza, tamén para seguir sumando de tres en tres, afianzar o playoff, que de momento é o que temos que facer agora, e volver gañar de forma regular. É verdade que se nos están dando moi ben os partidos de ABANCA-RIAZOR, pero gañar de forma regular outra vez e afacer sumar de tres".

Así pois, concédelle "toda" a importancia a este encontro "pasando por hoxe, por seguir adestrando o plan de partido. Cada semana ten toda a importancia xa porque non queda moito e todas as semanas teñen que ter toda a importancia. Foi así durante todo o ano. Hai veces que non nos saíu e que viñamos dun momento moi difícil, o máis complicado do ano, pero o que percibo é que cada semana é a máis importante. Semanas máis fáciles para traballar e outras un pouco máis complicadas, pero todas as semanas teñen que ser así e é que agora mesmo, co tempo que nos queda, cada semana é a máis importante".

O central deportivista asegura que "aínda non mirei o que están a facer os demais. Sempre se che cae un pouco o ollo para o lado, pero non mirei moito aos demais porque penso que a tecla que temos que seguir tentando tocar é a nosa: volver ser un equipo regular que encadea resultados e mellores sensacións como o outro día a primeira parte; tentar volver darlle continuidade, regularidade a iso sabendo que é un momento do ano no que todos os equipos apertan". "De momento aínda non mirei aos demais equipos en canto a tema puntos e demais", conclúe.

Apunta que lle tocará fixarse nos demais "cando o de arriba estea matematicamente imposible e por detrás estea matematicamente seguro. Cando as matemáticas marquen por unha banda ou por outra, direi 'imos estar aquí ou alá'. Entón xa non haberá outro remedio que dicir 'isto é o que hai'".

Pide de aquí até o final "tentar que sexa o menos montaña rusa posible, darlle naturalidade até a última semana, tentar competir ao máximo, sendo ambiciosos e volver demostrar esa fame que ten este grupo".

Do Athletic Club B, Borja Granero afirma que non ten bos recordos de Lezama trala súa visita anterior nas filas do Real Racing Club pero "en fútbol todo pode cambiar e espero que cambie. Aquí foi un equipo que nos axustou moi ben na presión, que nolo puxo moi difícil. Gustáronme moito aquí. Agora vén nunha boa xeira. Nós, a demostrar o equipo que creo que somos e ir a polos tres puntos".

Preguntado polo playoff, que ademais se xogará en Galicia, sostén que "para min ten un valor da virxe. Si que é certo que tiñamos unha posición vantaxosa. Deste tema xa se falou unhas 550.000 veces máis ou menos. Tiñamos unha posición vantaxosa e perdémola polo que agora parece que un playoff está mal. Eu creo que esa visión a temos que empezar a cambiar porque se non temos a humildade, se o día de mañá tócanos xogalo e imos pensando que isto é pouco para nós ou que merecemos máis, xa imos perdendo o playoff. Iso é unha visión que temos que cambiar. O primeiro nós. A cousa está moi difícil pero imos pelexar até o final. Se chegásemos ao playoff a ilusión, a ambición e a fame que hai que ter é enorme. Para min un playoff non é algo menor. De feito, ábreche as portas ao fútbol profesional tamén".

Finalmente, de todo o vivido nas últimas semanas sobre todo a partir da derrota en Badaxoz, coas reunións no vestiario a todos os niveis, o defensor branquiazul, un dos futbolistas con máis experiencia, destaca o "fío de comunicación" que hai no Dépor; e "a suficiente confianza como para que cando as cousas van mal, dicir o que está mal e o que está ben e cando as cousas están ben, ser ambicioso e dicir iso está ben, pero isto hai que melloralo porque con isto agora mesmo podemos crecer até certo punto, pero de aquí cara alá non. ¿Que o de Badaxoz non lle gustou a ninguén? Non lle gustou a ninguén. ¿Que era o momento? Pois era o momento Badaxoz e para min tamén era momento doutros días, mesmo cando gañamos. Igual que falamos ese día falamos moitas outras veces. Ese día amolounos moito o que pasou en Badaxoz porque non nos recoñecemos e iso é o máis fodido que lle pode pasar a un equipo, que non se recoñeza. Eu vin o partido e non me recoñecía. Iso está mal, ponche en alerta. Pero desas reunións tivemos 500 e dixéronse cousas boas e malas. Ten que ser así, ten que haber esa esixencia, pero á vez esa comunicación, esa confianza".