RCD / NOVAS

"Hai que deixarse a vida", manifestou Quique González sobre o partido no Anxo Carro

15/05/2019 19:20

Quique González, após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de abril, manifestou aos medios de comunicación que "hai que deixarse a vida" no Anxo Carro de Lugo este domingo 19 de maio (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV).

O dianteiro deportivista define o choque, "máis que derbi, un partido no que son clave os 3 puntos. Traballaremos desde hoxe niso".

Ante a situación clasificatoria, co equipo agora mesmo fóra dos postos de play off de ascenso, pide "gañar nós e a partir de aí o resto faga o que queira. É verdade que agora non dependes de ti". "Cando estás pendente do resto e non estás pendente de ti, ao final a cagas. Centrarse nun mesmo. Sabemos que somos bos, que facendo as cousas ben estamos preto de gañar. Sabemos que é moi difícil gañarnos. E a partir de aí a ver que fan os rivais", engade.

Insiste en que, máis aló de que o partido sexa en ABANCA-RIAZOR ou fóra, "o único que hai que pensar é en gañar, gañar 3 puntos. Mentalidade de 3 puntos. Só hai que pensar niso".

Do rival, o CD Lugo, recoñece que chega necesitado: "Eles loitando polo seu, nós polo noso. Sabemos que facendo as cousas como o outro día, estaremos máis preto da vitoria".

Defíneo como un conxunto que "xoga ben ao fútbol, marca moitos goles ultimamente. Esperemos estar xuntos, axudándonos en todo momento. Ao final o partido é moi longo. Deixando a meta a cero, nós imos ter ocasións".

É consciente ademais o vestiario da presenza de moito deportivista nas bancadas do estadio lucense: "Sabemos da afección que temos. É un desprazamento curto. Sabemos que van estar aí. O que queremos é darlles unha vitoria".

A nivel individual móstrase satisfeito cos seus goles: "Un sempre quere facer o mellor posible o seu fútbol. Para facer goles, hai que facer outras moitas cousas máis. Como esteas focalizado só no gol, iso é presión, iso é equivocarte. Cando un traballa ben durante toda a semana, o gol chega".

Máis novas de: QUIQUE GONZÁLEZ