RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime lembra que o Albacete "é un equipo feito para ascender" pero "confiamos en nós mesmos"

Jaime manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "estamos a tratar de levar a semana con normalidade e coma se fose calquera outro partido. É verdade que é moito máis transcendente porque sabemos que temos que gañar para conseguir o obxectivo do ascenso. Cando se vai achegando, tes un pouco máis de tensión pero toda a semana con normalidade e como fixemos todo o ano, que nos saíu moi ben".

Do Albacete Balompié, rival este sábado 11 de xuño (18:00 horas, Go&Go TV) na gran final do playoff, opina que "é un equipo feito para ascender. Desde principio de temporada sabíase. Por suposto que nos van a poñer as cousas moi difíciles porque teñen xogadores moi bos e é un equipo moi ben traballado. Sabemos a quen nos enfrontamos pero temos todas as condicións para gañar porque confiamos en nós mesmos".

Recalca que ao longo da temporada "atopámonos equipos parecidos. É verdade que igual dos equipos que nos enfrontamos este ano pode ser o que teña máis calidade individual. Está moi ben traballado, pero atopámonos equipos moi parecidos a eles e traballamos igual que calquera outra semana con normalidade, sendo nós, que é o máis importante".

Preguntado polo coruñés Rubén de la Barrera, ex adestrador do Dépor a pasada temporada e agora no banco do Albacete Balompié, Jaime lembra que non coincidiu con el pero si apunta que "traballa ben. Sei que o estilo de xogo que lle gusta é bastante parecido ao noso".

É da opinión que en calquera playoff, "os equipos van un pouco máis cohibidos. Non queren encaixar. Pero eu creo que somos dous equipos moi valentes, dous equipos que van ir a gañar. Eles teñen que gañar para subir, a nós válenos o empate, pero non pensamos no empate, pensamos en saír a gañar porque é o que fixemos todo o ano e é o que sabemos facer. Non contemplamos o empate".

Despois de vivir xa dúas fases de ascenso, o defensor branquiazul cualifica de "incrible" o vivido a pasada fin de semana con motivo da semifinal ante o Linares Deportivo: "A min sorprendeume moito. Sabía que ía haber moita xente, pero aínda así me sorprendeu. Esta semana supoño que será igual ou parecido. Xa desde que chegamos (o pasado sábado) sabiamos que subiramos o primeiro chanzo porque #ANOSAFORZA dáche moita forza para afrontar o partido".

Ao longo destes días, conta que "os veciños me dan sempre o apoio. Dinme que hai que gañar e que hai que devolver ao Dépor onde se merece. Todo palabras boas. Encantado, en Oleiros (onde reside), na Coruña... Todo o ano foron palabras boas. Dános moito ánimo para afrontar os partidos".

De feito, sobre o seu futuro, espera "que subamos e quedarme. Estou moi contento aquí, teño moitas ganas de quedarme e é cousa dos dous, do Club e miña, pero eu estou moi ben e quero quedarme".

Ten claro que "o obxectivo é subir a Segunda porque agora estamos en Primera RFEF, pero está claro que este equipo é de Primeira División e oxalá algún día volva onde se merece. Hai que empezar este sábado por subir a Segunda División".