RCD / NOVAS

Luisinho: "Ímolo a tentar até o final, pero vai ser moi difícil. Mentres haxa puntos en disputa, imos crer"

21/04/2018 13:18

Luisinho compareceu ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista apunta que "onte era un partido que tiñamos que gañar porque agora só vale gañar. É unha situación moi delicada. Viñamos dunha boa serie. Non gañamos e as cousas complicáronse aínda máis".

Asegura que "todo o mundo é realista, é consciente da situación do equipo. En canto haxa posibilidades, imos pelexar até o final".

Iso si, lembra que "aínda hai puntos en disputa. Hai que crer, e eu creo tamén". "Faltan 4 partidos, estamos a 6 puntos e o Levante cun partido menos. As contas están moi claras. Se gañan o luns, as cousas complícanse cada vez máis. O Levante ten todo a favor para quedar en Primeira. Ímolo a tentar até o final, pero vai ser moi difícil. Milagres non acontecen sempre. Até o final, mentres haxa puntos en disputa, imos crer".

Subliña o defensor branquiazul que o que se viviu onte en Leganés foi un reflexo da temporada: "Non fomos constantes ao longo de toda a liga. O equipo xoga 2 ou 3 partidos ben, pero non é constante. O equipo ten ganas, mostra que foi a máis, pero onte comezaches ben e non marcas, o equipo polo situación que está non consegue refacerse".

Reitera Luisinho que "todos somos culpables da situación na que estamos. Non me gusta de culpar a ninguén. Mentres haxa esperanza hai que pelexar. Está en xogo unha cidade, un escudo que tes que defender. Con esta mentalidade hai que ir até o final".

Di que despois de varias temporadas sufrindo na zona baixa da clasificación, "non vale de nada lamentarse agora. Aquí a xente ten que facer o traballo que ten que facer. Cada un na súa área. É unha pena estar nesta situación. É triste polo Club, pola cidade e por todas as circunstancias. Agora dicir quen é o culpable, non vai adiantar nada".

Neste sentido, insiste en que "cando non empezas ben, non podes acabar ben. A temporada con altos e baixos, nunha liga tan competitiva como a española non podes permitir iso. Nós estabamos avisados de anos anteriores, que ía chegar un ano que che podía tocar a ti baixar. E estás nunha situación por iso. As persoas teñen que ser conscientes que na liga hai que ter moita responsabilidade, tes que facer as cousas ben porque se non vas sufrir ao final".

Preguntado polo seu futuro, Luisinho, o futbolista máis veterano da plantillla, foi tallante: "Xa demostrei máis dunha vez o meu pensamento. Non é problema para min xogar en Primeira ou en Segunda División. Xa vin en Segunda cun tema complicado financieiramente. Non teño problema en xogar en Segunda. A quen lle gusta o Club, xoga en Primeira ou en Segunda".

Máis novas de: LUISINHO