RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mario Soriano di que "hoxe nos volvemos a atopar" e Héctor cre que "esta é a liña a seguir"

Mario Soriano e Héctor Hernández pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR ao finalizar o choque ante o DUX Internacional de Madrid.

O extremo madrileño comentou que "o equipo se volveu a atopar co xogo que faciamos antes. Estivemos moi cómodos, a presión fixémola ben. Na primeira parte puidemos facer dous ou tres goles máis mesmo. Esta é a dinámica e agora hai que ir a Talavera a romper esa xeira fóra de ABANCA-RIAZOR".

Mario Soriano dá "moita" importancia ao triunfo no aspecto anímico: "Gañar en ABANCA-RIAZOR é moi importante, case obrigatorio. #ANOSAFORZA está sempre apoiándonos e témoslles que dar os tres puntos. Agora temos que facelos bos a fin de semana que vén e gañar todos os partidos que nos quedan".

Admite que "hai que ser realistas e a primeira posición é moi difícil. O Racing está ben. Temos que centrarnos en chegar nas mellores condicións e con moi boas sensacións para o play off; e lograr o obxectivo que todos queremos".

Asegura que o vestiario deportivista era consciente que "a segunda volta ía ser máis complicada. Os equipos íanse a xogar moitísimas cousas. Non nos saíu a segunda volta igual que a primeira. Hoxe volvemos a atoparnos, necesitabámolo. Este partido vainos a dar sensacións moi boas para a fin de semana que vén".

Pola súa banda, Héctor Hernández subliña que "fixemos unha primeira parte moi boa. Irnos cun 2-0 ao descanso quedóusenos curto. Lembro unha oportunidade de William que lle parou o porteiro. As sensacións que nos deixou o partido son moi boas. Esta é a liña a seguir, hai que manter esta dinámica".

Aínda que o carrilero branquiazul apunta que o líder non falla, "nós seguiremos ao noso. Mentres as matemáticas non digan o contrario seguiremos a ver se podemos alcanzalos".

Comenta que este triunfo contundente "necesitábao o vestiario, necesitábao #ANOSAFORZA. Foi un moi bo partido en liñas xerais de todo o equipo. As sensacións son moi positivas e isto vainos a vir ben, vainos a axudar de cara ao próximo que veña, sobre todo a nivel mental".