RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mario Soriano pide en Salamanca "paciencia, tranquilidade e as ocasións que teñamos, metelas"

Mario Soriano foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista admite que o triunfo do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B "sentou moi ben a todo o equipo. Viñamos de 3 partidos que non conseguiamos os 3 puntos. Era un partido ante un rival directo que está metido nos playoff. Está todo moi igualado, o AD Alcorcón empatou. Era clave gañar e conseguir os 3 puntos para estar outra vez na pelexa".

Tamén cualifica de "moi importante" o partido deste sábado 1 de abril no Estadio Reina Sofía ante o Unionistas de Salamanca CF (19:00 horas, InSports.tv): "Levamos 3 ou 4 partidos seguidos fóra de ABANCA-RIAZOR que non conseguimos os 3 puntos. Esta fin de semana temos a oportunidade de conseguilos. Quédannos 9 partidos e 5 son fóra. Temos que aproveitar este finde, conseguir os 3 puntos e chegar a este tramo final da mellor maneira con duelos directos contra xente de playoff bonitos e que van ser moi duros".

Coincide en pensar que os rivais do Dépor que aínda non conseguiron os seus obxectivos "son máis perigosos. Todos se están xogando cousas. Unionistas está a xogarse o descenso, nós o primeiro posto e os playoff. Todos queremos gañar, conseguir os puntos e vai ser un partido difícil, duro. Eles seguramente sairán a apertar, estará o campo cheo, a xente animaralles, xogan contra o Dépor que é un extra de motivación para eles. Así que será un partido moi difícil. Hai que ter paciencia, tranquilidade, as ocasións que teñamos metelas e conseguir os 3 puntos que é a clave".

Indica que "contra a 'Cultu' e o Linense empezamos non moi ben como queriamos. Logo adaptámonos ben aínda que en León metéronnos e o partido volveuse un pouco tolo. Fóra son partidos diferentes a cando xogamos aquí en ABANCA-RIAZOR. Temos que ter máis tranquilidade, ser sólidos defensivamente, as poucas ocasións que teñamos aproveitalas ao máximo e neste tramo final non perder puntos porque vai ser a clave para conseguir o obxectivo. Está a verse que en #ANOSACASA estamos moi ben tanto ofensiva como defensivamente".

Así pois, cre Mario Soriano que a clave para lograr o obxectivo nesta recta final do campionato é "conseguir puntos fóra de ABANCA-RIAZOR e non perdelos".

Cunha nutrida representación branquiazul tamén este sábado nas bancadas do Estadio Reina Sofía, "temos que recoñecer o que fai #ANOSAFORZA por nós, viaxa a todos os partidos, dá igual onde xoguemos que sempre hai afección animándonos. Hai que darlle unha alegría xa fóra de ABANCA-RIAZOR para estar contentos e para que a dinámica siga sendo boa e máis neste tramo final, que é onde se vai a decidir todo", afirma o futbolista madrileño.

A nivel individual, está "contento. Estou a atoparme moi ben neste tramo final. Os últimos meses vaise notando o cansazo pero estou moi ben fisicamente. Espero que siga nesta liña e axudando ao equipo".

Explica que no campo séntese cómodo "onde podo aparecer, atopar os espazos que é por dentro, recibindo entre liñas. Pero onde o míster me poña vouno a facer, vou axudar, a achegar o meu graniño de area para o equipo porque somos un equipo e manda o míster".

En canto á súa faceta goleadora, Mario Soriano confesa que lle dá voltas ás oportunidades falladas: "Penso, analizo, vexo as ocasións. Son algo crítico niso e consciente de que sobre todo fóra de ABANCA-RIAZOR, que é cando temos menos, hai que aproveitalas. Cando imos 0-0 ao equipo dálle moita confianza, o partido vólvese cara a nós, temos máis o control. Espero que nestes últimos partidos as que teña as meta. Hai que estar tranquilo porque confío en min e que o equipo consiga o obxectivo".