RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mario Soriano pídelle aos Reis Magos "seguir coa mesma dinámica, no posto máis alto, gañando os partidos"

Mario Soriano foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Do mesmo xeito que onte sinalaba Rafa de Vicente, o atacante madrileño apunta que no regreso ao traballo do primeiro equipo após o parón do Nadal, "a sensación é boa, como sempre. É verdade que despois dunha semana de vacacións sempre custa un pouco, pero o equipo veu ben e estamos a adestrar con bo ritmo".

Pídelle aos Reis Magos "seguir coa mesma dinámica, no posto máis alto, gañando os partidos, con esta xeira de non sei cantos partidos sen perder, sumando de tres en tres e lograr o obxectivo en maio".

A nivel persoal, comenta que "os minutos que estou a ter estou a aproveitalos. No mes de novembro non tiven moitos minutos, pero hai que seguir traballando día a día e achegar o noso graiño de area cada un para que ao final de ano logremos o obxectivo".

Admite "preocupación" polos casos de COVID-19 na sociedade e por suposto tamén no mundo do fútbol, e recomenda "ter coidado onde imos, ter a máscara, limparse ben as mans..." Ademais desexa que non haxa restricións no aforo de ABANCA-RIAZOR para os próximos partidos: "Oxalá que siga vindo moitísima xente porque para nós é un apoio incondicional. Hai que ter moita precaución e coidado para que todo vaia como anteriormente".

De feito, desvela que en Abegondo, debido á actual situación sanitaria, agora é "como cando volvemos do confinamento: non podemos estar metidos no vestiario todos xuntos moito tempo, non estamos a vir a almorzar á Cidade Deportiva e estar todos xuntos máis tempo... pero é normal. Temos que mirar pola saúde de cada un e non podemos parar. Temos que seguir para que este ano sexa bonito e non podemos ter ningunha baixa a semana que vén".

A pesar desta situación, Mario Soriano non cre que se pare a competición ligueira aínda que lembra que "tanto en Primeira, Segunda e Primeira RFEF está a haber moitos casos e seguramente se teñan que aprazar partidos non sei se a semana que vén ou a seguinte. Oxalá que 2022 todos teñamos saúde, esteamos ben porque iso é o principal. E se o día de mañá temos que parar a liga, pararémola e seguiremos cando cando faga falta".