RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Masiva representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo con sete xogadores e o debut de Diego Gómez

As últimas sesións do ano 2021 do primeiro equipo en Abegondo caracterízanse pola masiva presenza de #ANOSACANTEIRA.

A Álex Delgado, que onte se estreaba cos profesionais, Noel, Trilli, Yeremay, Dani Barcia e Brais Suárez sumóuselle hoxe mércores outro xuvenil, o atacante Diego Gómez Pérez (Amoeiro, Ourense, 31 de xullo de 2004), que debutou pois ás ordes de Borja Jiménez.

Este interior zurdo, que milita no cadro do Xuvenil A, foi decisivo no último partido ligueiro deste ano do vixente campión de España. No tempo de desconto, anotou o gol do triunfo en Santander ante o Real Racing Club, terceiro clasificado, que mantén aos pupilos de Manuel Pablo na loita polo título do grupo 1º da División de Honra. No que vai de liga, Diego Gómez suma 8 dianas.

O corpo técnico branquiazul dispuxo hoxe, após un quecemento, unha serie dun exercicio con porterías pequenas primeiro, outro con porterías pequenas e un gardameta despois; e un partido a tres cuartas partes do campo 2 para concluír.

Álex Bergantiños, Miku, Lapeña, Menudo e Jaime continúan con adestramento individualizado, este último tamén sobre o céspede da Cidade Deportiva baixo a supervisión de Álex Canosa, readaptador do primeiro cadro.

Mañá xoves 30 de decembro, o cadro deportivista adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30, na última sesión do ano 2021.