RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mauro Silva xa ten a rúa que A Coruña lle debía

Mauro Silva recibiu a homenaxe da Coruña e do deportivismo, coa inauguración esta tarde dunha rúa na que sempre será a súa segunda casa, a cidade na que pasou 13 anos da súa vida. 

O barrio de Labañou, e máis exactamente a rúa na que se atopa a sede da SD Sin Querer, o club de fútbol máis antigo da cidade se exceptuamos ao RC Deportivo, pois foi fundado en 1922, recibiu cos brazos abertos ao lendario mediocentro deportivista, primeiro futbolista branquiazul en ver o seu nome no rueiro herculino.

Todos os presentes, en torno ao medio milleiro, levaron unha gran sorpresa cando viron aparecer ao fondo da rúa, na parada de bus da Avenida de Gran Canaria, o autobús do Dépor. Do mesmo comezaron a saír os xogadores do cadro deportivista, así como o corpo técnico, médicos, utileiros... E finalmente, do bus baixouse Mauro Silva que, acompañado sempre polo seu gran amigo Ernesto Rumbo, entrou na 'súa' rúa no medio do corredor formado polo actual equipo branquiazul.

Entre os presentes, moitos coñecidos. Ademais de vellos compañeiros de fatigas como o delegado Barros Botana, o preparador físico José Ángel Franganillo ou Juan Hermida, aínda membros do staff deportivista, pola rúa Mauro Silva achegáronse outros ex compañeiros como Donato ou o fisioterapeuta Antonio Segade ou amigos como o ex rector da Universidade da Coruña, José Luis Meilán Gil. Daniel Ramos e Enrique Calvete representaron ao Consello de Administración do RC Deportivo.

"O meu soño fíxose realidade", acertou a dicir un Mauro Silva visiblemente emocionado á hora de descubrir a placa que bautiza a vía co seu nome. "Quero agradecer ao técnico e ao equipo que se achegaron porque se que teñen moito traballo por diante para conseguir a permanencia", engadiu o hispano-brasileiro que, 13 anos despois da decisión unánime do pleno municipal para bautizar unha rúa co seu nome, ao fin puido vela convertida en realidade. Por ese motivo, tivo un cariñoso recordo para Francisco Vázquez, alcalde da Coruña no momento da aprobación do recoñecemento, en 2005.

"Sempre presumín de coruñés e agora fareino con máis motivo", agregou Mauro, terceiro futbolista, após Fran e Manuel Pablo, que máis partidos oficiais xogou coa camiseta branquiazul (459) e un dos tres únicos, xunto a Fran e Donato, que conquistou os 6 títulos oficiais que brillan nas vitrinas deportivistas.

O Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou que a Mauro Silva "non lle fixo falta marcar moitos goles para representar a unha cidade moi loitadora e todo iso tiña que materializarse nun recoñecemento visible".

Se o 21 de setembro de 2012, o RC Deportivo entrou no rueiro coruñés para poñer nome á popularmente coñecida como Terceira Rolda, hoxe, xoves 12 de abril de 2018, faino un xogador branquiazul por primeira vez. Como non podía ser doutra maneira, un home exemplar dentro e fóra do terreo de xogo, que foi elixido por votación popular, con motivo do 110 aniversario do Club, como a lenda máis destacada da historia do Deportivo polos propios afeccionados, por riba de goleadores de récord, de porteiros infranqueables, de futbolistas fieis ao cento por cento, de malabaristas inesquecibles e mesmo de Balóns de Ouro: Mauro Silva.

Rolda de prensa no Reitorado da UDC

Antes da súa homenaxe Mauro Silva, acompañado polo reitor da UDC Xullo Abalde e o director do DéporCampus Mauro Silva Roberto Taibo, atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa do Reitorado da Maestranza.