RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miku reincorpórase ao grupo nunha mañá de estrea para o xuvenil Martín Ochoa

Miku incorporouse esta mañá ao traballo de grupo e entra pois na recta final da súa recuperación.

Os Servizos Médicos agardarán agora ás próximas sesións de mañá venres e o sábado para saber se o internacional venezolano estará a disposición de Borja Jiménez para o partido deste domingo 10 de abril ás 12:00 en Lezama (Footters e Fuchs Sports) ante o Athletic Club B, correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF.

A mañá en ABANCA-RIAZOR ademais supuxo a estrea de Martín Ochoa (Logroño, 20 de decembro de 2004) co primeiro equipo. Procedente do UD Logroñés, o ariete rioxano cumpre a súa terceira temporada en Abegondo despois de ser máximo goleador no Xuvenil B de Liga Nacional e seguir polo mesmo camiño no Xuvenil A de División de Honra.

Debutou na Youth League despois de superar unha lesión que o tivo varios meses fóra dos terreos de xogo e, ante o FC Dynamo Kyiv en ABANCA-RIAZOR, marcou o primeiro dos penaltis na quenda que ao cabo daría o pase ao conxunto ucraíno.

Martín Ochoa únese á lista de xuvenís cuxo bo facer foi premiado con adestramentos co primeiro equipo, caso tamén de Lemos, Rubén, Álex Delgado, Pablo Trigo...

Acompañaron a Martín Ochoa esta mañá os tamén canteiráns Noel, Yeremay, Dani Barcia, Brais Val e Iván Guerrero.

Borja Jiménez dispuxo de tarefas principais un exercicio táctico de defensa-ataque e un partido once contra once a todo o campo de ABANCA-RIAZOR, con cambios de posicións e xogadores. Un último partido a campo pequeno puxo o punto e final ao traballo sobre o céspede.

Estiveron con adestramento individualizado Víctor, Aguirre e o canteirán Trilli.

Mañá venres 8 de abril, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas.