RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Concello da Coruña xa traballa para dar forma á nova cuberta do Estadio ABANCA-RIAZOR

O Concello da Coruña deu un novo paso adiante para dar forma á nova cuberta do Estadio ABANCA-RIAZOR, co inicio das obras de rehabilitación o pasado luns.

Os operarios de Arias Infraestruturas, empresa gañadora do concurso público para a redacción e execución do proxecto de reforma e conservación da cuberta e das estruturas metálicas do Estadio ABANCA-RIAZOR, comezaron a valar todo o perímetro do recinto a inicios desta semana.

A retirada das cubertas de Preferencia xa empezou coa derriba do canlón exterior. Os guindastres tamén traballan na retirada da uralita e a estrutura metálica desa mesma bancada. Nas próximas horas arrincarán os traballos nas cubertas de Tribuna. Pavillón e Marathón, as cales carecen de canlón, sumaranse a continuación.

Os traballos previos xa se iniciaron o pasado mes de abril, coa marcaxe dos puntos nos que irá ancorada a nova estrutura en todos os alicerces das bancadas.

As obras do Estadio ABANCA-RIAZOR obrigaron ao Concello da Coruña a modificar a circulación do tráfico rodado no Paseo de La Habana e a rúa Manuel Murguía.

No Paseo de La Habana cortouse o tráfico no sentido saída da cidade e mantéñense dous carrís cara ao Paseo Marítimo.

Desde o martes, eliminouse a posibilidade de realizar o xiro á esquerda en Eduardo Dato, procedente de Calvo Sotelo e do Paseo Marítimo. De cara a manter a circulación no sentido entrada, cara á avenida de Buenos Aires e praza de Pontevedra, suprimiuse o estacionamento na vía. Ademais, instaláronse columnas de semáforos temporais para reducir o tempo de paso.

Desde o xoves, en Manuel Murguía permanece habilitado só un carril no sentido de saída, desde o cruzamento con Almirante Cadarso. Cortáronse os dous carrís no sentido entrada, cara ao Paseo Marítimo, e un do sentido saída. Do mesmo xeito que na avenida de La Habana, suprimiuse o estacionamento para facilitar a circulación na zona e instaláronse columnas de semáforos temporais para diminuír o tempo de paso na vía. Tamén se eliminou o xiro á esquerda cara a Almirante Lángara e mantívose o acceso á rúa Pedro Ferrer, así como ao estacionamento da Casa da auga.

As liñas do transporte público 3, 3A e 7 contan con itinerarios alternativos.

As liñas 3 e 3A, desde a praza de Portugal, pasan a circular polo Paseo Marítimo até as Escravas, continuando por Manuel Murguía para incorporarse ao seu itinerario habitual en Paseo de Rolda-Almirante Lángara. Neste itinerario alternativo, as paradas provisionais sitúanse no Playa Club e Manuel Murguía-Escravas.

Pola súa banda, a liña 7 circula, desde Gregorio Hernández, pola avenida de La Habana até a avenida de Buenos Aires. Neste percorrido ten as paradas provisionais na avenida de La Habana, 25 e tamén na avenida de La Habana-Pérez Lugín. En diante, retoma o seu itinerario habitual na avenida de Buenos Aires, para continuar cara a praza de Pontevedra.