RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor arranca con remontada en ABANCA-RIAZOR (2-1)

O Deportivo comezou a temporada con vitoria en ABANCA-RIAZOR ante unha Real Balompédica Linense que vendeu cara a súa derrota, posto que se foi ao descanso con vantaxe pero acabou sucumbindo grazas a dous goles de Mario Soriano.

Borja Jiménez apostou de saída polo debuxo máis utilizado en pretemporada, cunha defensa de catro, un dobre pivote formado por Álex Bergantiños e Diego Villares, Mario Soriano por diante deles, Quiles e Víctor Narro nos extremos e Gorka Santamaría en punta. Só tres novidades con respecto ao once inicial no partido final do playoff da pasada temporada: Raúl Carnero, Víctor Narro e Santamaría. E, ademáis, catro futbolistas que pasaron parte da súa etapa formativa en Abegondo.

O primeiro encontro da historia entre Deportivo e Real Balompédica Linense arrancou con dominio local e ocasións visitantes. Aos 4 minutos, Mackay tivo que desviar a córner un duro disparo de Toni García desde 25 metros. No minuto 12 foi Nacho Heras o que puxo a pelota moi preto do recanto esquerdo da meta deportivista, por fortuna por fóra, despois dun roubo de Toni García en tres cuartos.

Os branquiazuis non eran capaces de crear ocasiones pero eran claros dominadores do xogo, merodeando a área rival con frecuencia. Varios centros paseáronse polas proximidades da portería andaluza sen que ningún xogador herculino fose capaz de rematalos.

O conxunto blanquinegro mentres, trataba de sacar proveito das perdas coruñeses e do balón parado. E así foi como chegou o 0-1. Após forzar varios saques de esquina e rematar algún deles, a Balompédica Linense adiantouse no marcador á media hora grazas a unha cabezada de Nico Delmonte nun córner.

Ao Dépor, lonxe de afectarlle o golpe, o azuou. Os pupilos de Borja Jiménez aumentaron a velocidade e intensidade para empezar a acumular ocasións. A máis clara chegou só tres minutos despois do 0-1. Un centro de Raúl Carnero por baixo ao segundo pau rematouno Quiles co seu pé dereito indo ao chan. Varo rexeitou a pelota de forma case milagrosa. Só dous minutos despois, o propio Raúl Carnero atreveuse cun lanzamento desde 30 metros ante o que Varo respondeu de novo con gran acerto, sacando o balón do recanto a córner. Nese mesmo saque de esquina, Quiles cabeceou só no segundo pau e un defensa sacou o coiro sobre a liña de gol.

O inicio da segunda metade desvelou con claridade as intencións do Dépor de dar a volta ao marcador. O control da pelota correspondeu case en exclusiva a un conxunto coruñés que practicamente viviu na metade contraria do campo.

Os primeiros achegamentos chegaron en tiros afastados, altos ambos, de Álex Bergantiños, no minuto 47, e Raúl Carnero, tres máis tarde. A continuación do disparo do lateral esquerdo produciuse a primeira acción trenzada perigosa do segundo período, nun centro raso de Antoñito para Santamaría, que non chegou por pouco. Loren despexou a saque de esquina no segundo pau.

O Dépor logrou o tanto do empate no minuto 57. Quiles filtrou o balón na área para Mario Soriano cun sutil taconazo e o '10' deportivista bateu a Varo cun disparo cruzado raso que se introduciu na portería visitante após golpear no interior do pau dereito.

Recentemente superada a hora de xogo, e após unha longa acción de ataque coruñesa, Jaime tentou sorprender ao porteiro do equipo gaditano cunha volea afastada que se perdeu por pouco á esquerda do marco da 'Balona'. Foi o preludio do tanto da vitoria herculina, que chegou no minuto 68. Mario Soriano recolleu un despexe en curto da zaga blanquinegra e cun veloz recorte desfíxose de tres defensas para penetrar na área e quedar man a man con Varo, ao que superou por baixo.

Co marcador en contra, a 'Balona' non tivo capacidade de reacción. E o Deportivo tivo oportunidade de sentenciar o duelo nun par de accións. No minuto 81, un preciso e longo ataque acabou cun centro desde a dereita de Trilli para a chegada en segunda liña de Mario Soriano, ao que unha prodixiosa man esquerda de Varo impediu lograr o 'hat-trick'. Pouco antes, Rubén Díez perdoara a ocasión de sentenciar o choque nunha acción similar pola outra banda, pero no seu intento de cabezada, xa dentro da área pequena, a centro de Raúl Carnero, impactou no balón coa man e o colexiado sinalou falta.

A pesar de estar practicamente noqueada durante os últimos vinte minutos, a 'Balona' tivo unha última ocasión de levar algo positivo da súa primeira visita á Coruña. No tempo engadido, Mackay despexou de puños unha falta lateral na que o equipo forasteiro envorcouse con todo en pos do empate. Non o logrou, e os tres puntos quedaron en ABANCA-RIAZOR, na conta dun Deportivo que arranca con bo pé a súa terceira campaña consecutiva na categoría de bronce.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Trilli, min. 76), Lapeña, Jaime, Raúl Carnero, Álex Bergantiños, Diego Villares, Quiles, Mario Soriano (Isi Gómez, min. 85), Víctor Narro (Ibai, min. 85) e Santamaría (Rubén Díez, min. 68).

Real Balompédica Linense: Varo, Loren (Yassin Fekir, min. 76), Fran Morante, Delmonte, Jesús Muñoz, Alhassan Koroma (Alu Koroma, min. 63), Antonio Romero, Masllorens, Omar (Álex Guti, min. 63), Toni García (João Pedro, min. 76) e Nacho Heras.

Goles: 0-1 Delmonte (min. 30); 1-1 Mario Soriano (min. 57); 2-1 Mario Soriano (min. 68).

Árbitro: Pérez Muley (c. madrileño). Cartón amarelo a Antonio Romero (min. 38), Antoñito (min. 42), Nacho Heras (min. 68) e Diego Villares (min. 83).

Incidencias: partido da 2ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.270 espectadores.