RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor encaixa a súa primeira derrota do curso (0-1)

O Deportivo sufriu ante o San Fernando CD Isleño a súa primeira derrota do curso nun choque en ABANCA-RIAZOR que empezou a torcerse co gol visitante nos primeiros minutos e que non puido endereitar a pesar de xogar máis de media hora ante un rival en inferioridade numérica.

No terceiro partido en sete días, Borja Jiménez, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto á aliñación inicial do pasado mércores fronte ao CF Talavera de la Reina. Trilli, Martínez e Quiles saíron do once en favor de Antoñito, Jaime e Santamaría.

A primeira oportunidade de gol do Dépor, no minuto 9, enviouna ás nubes Diego Villares ao empalmar o rexeite da defensa gaditana á saída dun córner. Na seguinte xogada, con todo, a primeira ocasión visitante acabou no único gol do encontro. Gabri Martínez superou no extremo dereito a Jaime e case sen ángulo bateu por baixo a Mackay.

O propio Jaime estivo a piques de devolver o equilibrio ao marcador ao cuarto de hora de xogo, cando na segunda xogada dunha falta colgada por Rubén Díez rematou á media volta a mans de Perales.

O conxunto insular mostrou unha tremenda intensidade en defensa, froito da cal viu catro amoestacións na primeira metade. Ademais, cada vez que recuperou a pelota tratou de saír con velocidade en perigosos contragolpes, aínda que non volveu rematar á portería de Mackay en toda a primeira metade.

O Dépor tampouco foi capaz de crear oportunidades de gol ata que superada a media hora de xogo sucedéronse nuns poucos minutos. Rubén Díez, nun córner xogado en curto, puxo o balón no segundo pau, onde non chegou Lapeña por milímetros, despexando un defensa a un novo saque de esquina no que Jaime cabeceou picado e Perales evitou o gol nunha gran intervención.

Rubén Díez tentouno noutro lanzamento desviado desde a frontal da área, pero o dominio herculino non atopou a igualada antes de enfilar o camiño dos vestiarios.

Tralo descanso, Borja Jiménez introduciu dous cambios. Quiles e Martínez substituíron a Antoñito e Jaime. O Deportivo pasou a xogar con tres centrais, ao incrustarse Álex Bergantiños entre Lapeña e o defensa francés. Diego Villares e Víctor Narro ocuparon as bandas, con Olabe, Rubén Díez e Mario Soriano por dentro e un dúo de punta composto por Santamaría e Quiles.

No minuto 48, Mario Soriano deixou claras as intencións deportivistas. Despois de penetrar na área, virouse para buscar a súa perna boa pero o seu dereitazo raso atrapouno o gardameta do equipo gaditano. Tres minutos despois, os visitantes tiveron a oportunidade de abrir brecha, após unha recuperación de Gabri e veloz carreira pola dereita do ataque visitante que acabou nun disparo ao lateral da rede da portería coruñesa.

O encontro tivo practicamente unha soa dirección a partir de entón. No minuto 57, un canonazo de Mario Soriano nun córner sacado en curto despexouno Perales e o rexeite caeu a Santamaría que lanzándose ao chan non puido remachar. O coiro estrelouse no exterior da rede.

Un minuto máis tarde, o capitán visitante Biabiany viu a segunda cartolina amarela. O Dépor disporía de superioridade numérica durante máis de media hora. Borja Jiménez entón decidiu retirar a Álex Bergantiños para dar entrada a Yeremay Hernández, volvendo á defensa de catro e acabar xuntando a toda a súa artillaría coa entrada pouco despois de Ibai.

Os branquiazuis dominaron case o 100 por 100 da posesión. Probárono co canario encarando polo extremo esquerdo unha e outra vez, con balóns interiores de Mario Soriano para os puntas, con centros laterais por baixo tanto de Villares como de Víctor Narro, duros disparos de Quiles que sempre atoparon as pernas dalgún defensor...

Isto último sucedeu no minuto 80, nunha fortísima volea de Ibai a centro pasado de Diego Villares que se coaba como un foguete pero un defensa rexeitou a córner baixo paus. Nese mesmo saque de esquina, o francés Martínez rematou frouxo e desviado chegando desde atrás un centro a perna cambiada de Víctor Narro.

Un dos balóns en profundidade de Mario Soriano para Quiles, no minuto 84, foi quizá a mellor ocasión coruñesa para igualar o marcador. Pero un inconmensurable Perales gañoulle o man a man ao dianteiro onubense.

As constantes perdas de tempo do San Fernando CD Isleño provocaron que o colexiado concedese dez minutos de tempo engadido, que aínda acabaron sendo un par deles máis. Pero tampouco na prolongación atopou o Dépor a físgoa para sumar algún punto. Volveu acariñalo no cuarto minuto de desconto, nun centro de Ibai que Quiles deixou de cabeza cara atrás. Un defensa cortou a traxectoria do esférico para deixalo morto na área pequena e o porteiro visitante anticipouse co pé á chegada de Diego Villares para mandar a pelota ao enésimo saque de esquina.

Un zurdazo raso desde a frontal da área de Olabe, que se perdeu rozando o pau esquerdo do marco gaditano, e outro centro-chute de Zalazar que non atopou nin rematador nin rexeite na área pequena puxeron fin ao partido.

A pesar desta primeira derrota da temporada, o Deportivo mantense na zona de playoff de ascenso, con 11 puntos despois de 6 xornadas.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Quiles, min. 46), Lapeña, Jaime (Martínez, min. 46), Víctor Narro, Diego Villares, Álex Bergantiños (Yeremay, min. 63), Olabe, Rubén Díez (Ibai, min. 69), Santamaría (Zalazar, min. 78) e Mario Soriano.

San Fernando CD Isleño: Perales, Marín (Lanchi, min. 67), José Carlos, Rafa Páez, Javi Navarro (Goyo Medina, min. 75), Biabiany, Manu Farrando, Caballero, Dani Molina, Del Campo (Rodrigo Sanz, min. 55) e Gabri (Marcelo dos Santos, min. 67).

Gol: 0-1 Gabri (min. 9).

Árbitro: García Risco (c. asturiano). Expulsou por doble cartón amarelo a Biabiany (min. 58). Cartón amarelo a Biabiany (min. 16), Caballero (min. 19), Gabri (min. 38), Jaime (min. 42), Rafa Páez (min. 45+2), Rubén Díez (min. 56), Quiles (min. 90+6), Víctor Narro (min. 90+7) e Kuki Zalazar (min. 90+10).

Incidencias: partido da 6ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.749 espectadores.