RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo ABANCA regresa mañá sábado ao fortín de Abegondo fronte a un CD Parquesol que estrea técnico

O Deportivo ABANCA regresa ao fortín de Abegondo, onde non competía desde o pasado 11 de decembro, mañá sábado 22 de xaneiro ás 17:00 fronte ao CD Parquesol, en partido correspondente á 15ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola.

Na Cidade Deportiva non se escapou ningún punto no que vai de temporada e Miguel Llorente ten claro o porqué: "Non sabía o que se montaba en Abegondo. Non tiña nin idea. E desde o primeiro día quedei obnubilado porque o ambiente que se crea aquí, respectando a todo o mundo, eu non o vivín en ningún outro campo de Reto. Está claro que nos axuda moitísimo. Entón canta máis xente veña, máis fortes imos ser. O dato vén tamén dado polo noso modelo de xogo. Aquí non perdemos pero fóra perdemos dous. A historia é que encaixamos pouco e marcamos bastante. E iso vén do noso modelo e a nosa idea de xogo".

No Deportivo ABANCA son baixa para este partido por lesión Alba Merino, Laura Fernández e Eva Dios, esta a consecuencia dunha lesión muscular nun cuádriceps. Aroa Guerra, unha das goleadoras en Pradejón a pasada fin de semana, e Tati representarán a #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas de Miguel Llorente.

O conxunto branquiazul recuperou provisionalmente o liderado do grupo norte ao gañar a pasada fin de semana o seu partido en Pradejón e ser aprazado o choque do FC Levante Las Planas ante o Zaragoza CFF: 34 puntos teñen agora as deportivistas por 33 as catalás, iso si cun partido menos.

Pola súa banda, o CD Parquesol é antepenúltimo da clasificación con 8 puntos, só por diante do Sporting de Gijón e o CE Seagull.

As valisoletanas, lonxe do seu campo, só gañaron un partido, ante o CDF Osasuna (1-4). Ademais empataron fronte ao Atlético de Madrid B (1-1); e caeron ante o Athletic Club B (2-0), CE Seagull (2-0), RCD Espanyol (2-0), SE AEM (2-0) e Oviedo Moderno CF (3-0).

En Abegondo, o CD Parquesol estreará técnico: Santiago Sedano fíxose cargo do equipo en substitución de Santiago García, que dimitiu tralo empate da pasada fin de semana no seu campo ante o Sporting de Gijón, un rival directo.

O Real Club Deportivo mantén activo o protocolo de apertura, con aforamento reducido e rexistro de asistentes, da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Así mesmo, está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).

Finalizado o choque ante o CD Parquesol, o cadro do Deportivo ABANCA adestrarase de novo en Abegondo o domingo 23 de xaneiro ás 11:30 horas.