RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano considera que este cadro está "preparado para competir en calquera escenario"

Óscar Cano manifestou que do AD Mérida, rival mañá sábado en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv), fíxase en que, "aínda que estean sumidos nunha mala dinámica de resultados no último mes, é un equipo que foi capaz de gañar en grandes escenarios, de facer unha primeira volta sensacional, acorde coas súas fortalezas que teñen que ver con que xoga moi ben ao fútbol. É un equipo que se atreve, que ten xente nova en espazos que son moi determinantes para o xogo de ataque dun equipo como son os espazos do centro do campo, os espazos da media punta; con extremos que se meten moi ben por dentro e que xeran moitísimo con dous atacantes, aínda que pode ser un mediapunta e unha punta que a partir de dominar os desmarques aos espazos, con dous laterais moi altos. É un equipo atrevido, un equipo que sabe, que recoñece e que fundamenta o seu xogo nesas fortalezas e imos ter que estar moi atentos porque non me gustaría que eles tivesen o balón, senón que fósemos nós os que sentísemos grandes e dominadores".

O técnico deportivista pide ao seu equipo "controlar a eses xogadores que teñen por dentro para que non nos fagan excesivo dano".

Concluído o mercado de inverno, móstrase "satisfeito do traballo que fixo fundamentalmente a Secretaría Técnica en mans de Carlos Rosende e de Juan Giménez".

Nesta liña, considera que "o cadro deu outro paso cara a adiante, pero é que isto non é distinto a outros clubs e a outras categorías. Todo o mundo vai ao mercado porque a marxe de mellora de todos e cada un dos cadros, por bos que sexan, sempre está".

Apunta que "a competición nos ha ir dicindo máis ou menos que nos podería facer falta para ter un cadro moito máis redondo. Xa de seu era un grandísimo cadro, habemos ir ao mercado e considero que se fixo un traballo excepcional".

Así pois, o adestrador deportivista apunta que "se eu non vise que podemos ser campións, levanto a man agora mesmo e digo: 'ouve, pagarme até o día que traballei que me vou porque evidentemente non teño a aspiración onde teño que tela, que é en ser campións'. Despois a competición diranos se imos ser, se non imos ser porque o mesmo pensamento que teño eu téñeno 4 ou 5 equipos da categoría que tamén están moi ben construídos, con grandes orzamentos e cun gran rendemento, como demostraron durante a primeira volta".

Explica que a chegada de Arturo "pódenos condicionar de maneira positiva. Nós temos unha serie de xogadores por aí, polo centro do campo, polas medias puntas, que son moi determinantes non só para o xogo do Dépor, senón moi significativo na categoría. E a esa xente hai que activala. A maneira de activar a eses xogadores en función das respostas defensivas que ten o equipo contrario, é dicir, ben apertarche arriba en función do escenario. Non é o mesmo xogar en ABANCA-RIAZOR que o outro día, por exemplo, en San Fernando, tal e como estaba o terreo de xogo, pódense activar de múltiples formas. Para activar eses xogadores que para nós son determinantes pódese facer desde atrás cara a adiante. Temos centrais que xogan moi ben ao fútbol, mediocentros que xogan moi ben ao fútbol, laterais que pasan ben a pelota e iso é o que viñemos facendo. Vemos tamén que se pode facer doutra maneira, é dicir, se eles acurtan os espazos e defenden en poucos metros, temos a posibilidade de xogadores que penetran ben, como o outro día vimos aínda que non tivemos esa precisión, por como estaba o campo. Vimos penetrar moitas veces a Kike Saverio, vimos penetrar a Lucas, porque el, como xogador de elite, é un xogador moi selectivo e sabe cal é a carreira gañadora. Vimos tamén como gañaba as costas aos defensores. Sabemos que é un dos seus fortes porque é un xogador moi completo. E temos tamén a opción de Max Svensson".

Engade que lle faltaba ao equipo que "cando os equipos se separan e iguálanche e iguálanche indo arriba e déixanche sen tempo, ti non estás cómodo, poder xogar de maneira máis directa. E atopamos no mercado a posibilidade de que puidese incorporarse a Arturo, que é como ter un mediocentro moito máis avanzado. A partir del pódese xogar un xogo moito máis directo, de baixala, de esperarnos, de gardala para que nos podamos xuntar e póidanse xuntar todos estes xogadores que antes describín, que son fundamentais no xogo de ataque do Dépor. E por iso foron as incorporacións. E completar a parte de atrás cun xogador (Pepe Sánchez) que vai ben no xogo aéreo, que moitas veces hai que defender a área doutra maneira. É un rapaz que xogou Europa League. Non é un rapaz que veu aquí descoñecido. É un rapaz que xogou en Primeira División, que xogou en Europa xa. E Lebedenko, a lesión de Raúl indicounos que había que ter un home máis de experiencia nesa parcela e así o fixemos nós".

Reitera que "a min me gusta o cadro anterior (o que arrancou a temporada) e gústame o cadro actual porque si que é certo que nos retoques que lle puidemos dar ao grupo, tiven a posibilidade de intervir, de reflexionar moito cos dous responsables da Dirección Deportiva e gústanme ambos os cadros e bastante".

Así mesmo, recalca o actual adestrador deportivista que este grupo "o vexo preparado para competir en calquera escenario".

Conclúe Óscar Cano que "os obxectivos do Club son moi ambiciosos e nós non podemos andar por detrás desa ambición, senón que temos que encarala con determinación, que é o que fixo a Dirección Deportiva".

Finalmente, con cinco xogadores apercibidos de sanción por ter acumulados 4 cartóns amarelos cada un deles, confesa que non lle preocupa esta circunstancia porque "non teño a sensación de ter a ningún xogador imprescindible. Hai xogadores importantes, como en todos os cadros, pero considero que o cadro ten tal nivel que ao seu adestrador, neste caso a min, non me dá a sensación de ter xogadores imprescindibles".