RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "É tan difícil sumar nesta categoría que iso me fai pensar que todo é moi importante, pero nada é transcendente"

Óscar Cano asegurou que non cre que sexa unha laxa para o Dépor o gran ambiente que se espera este domingo 12 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid Castilla (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv): "Unha laxa non pode ser. Van todos connosco, levan, levamos a mesma camiseta e teñen noso mesmo desexo, que é gañar os partidos e cumprir o obxectivo. Entre todos os factores que ten o feito de xogar ao fútbol ou de adestrar a un club é que queremos sentirnos así cada semana. O que aos profesionais non nos gusta é ter un estadio baleiro. Todo este tipo de factores que teñen que ver cun club grande, cunha masa social importante a nós suponnos un extra sempre".

Tampouco pensa que o ambiente sexa "un hándicap para o Castilla porque estiveron en Córdoba cunha entrada tamén moi boa, igual pasou de 15.000 espectadores; e estiveron excelsos. Durante moitos minutos do partido, o Castilla foi moi superior a un dos mellores equipos da categoría como é o Córdoba".

Non está preocupado que un ABANCA-RIAZOR rozando o cheo poida provocar precipitación: "Temos un cadro con madurez. Si moitas situacións vanse a precipitar pero pola propia calidade dos xogadores. Son xogadores que teñen tantos recursos que ás veces arriscan, pero forma parte do que é un partido no que vaia a haber tantos bos xogadores. Si sentimos desde o primeiro día que iso que ocorre en ABANCA-RIAZOR, ese ambiente, ese clima que se xera, é para nós porque formamos todos parte do mesmo barco. Cando saltamos ao céspede, miras á bancada e a cor é o branquiazul. E dentro do campo tamén. Somos todos parte da mesma familia. E toda esa enerxía, evidentemente, chéganos de maneira positiva, non cáibache ningunha dúbida. Todo o mundo destaca de nós que en ABANCA-RIAZOR somos un equipo moi difícil de bater, que xoga ben ao fútbol, que xera moitas ocasións de perigo. Por tanto estamos todos aliñados. #ANOSAFORZA quítanos tensión porque están aí gozando do seu equipo e sobre todo co mesmo desexo que teñen os xogadores e o mesmo entusiasmo".

Espera un partido "cunha posesión dividida. Imos ter enfronte un equipo que ten grandísimos xogadores. Eles tamén saben que van ter enfronte un equipo que tamén ten moi bos xogadores. Vai ser un partido no que se cadra vai haber moitos máis momentos que noutros nos que non imos gozar do uso da pelota; e aí tamén nos temos que facer fortes. Do mesmo xeito cando ambos os equipos decidamos presionar alá onde se dean eses estímulos que son os correctos para ir presionar imos ser dous equipos que poden quitar o balón en zonas comprometidas".

Subliña nesta liña que vai ser "un partido moi bonito de ver porque os vintepico xogadores son de gran calidade".

Lembra que o Real Madrid Castilla "vexo moi poucos xogadores que non poidan xogar en Primeira División nun curto prazo. De feito xa podían estar algúns porque foron solicitados no mercado de inverno e o Real Madrid non lles deixou saír. Por fóra é un equipo que fai moito dano. Pero é que fai dano por fóra, fai dano por dentro porque se te protexes moito por fóra e deixas recibir á xente de dentro, pódeche facer Arribas unha desfeita. Se os deixas ir por fóra con comodidade, pois non só Peter, senón Obrador, Vinicius... Estamos a falar de xogadores dun gran nivel".

Así pois, pide estar "moi atentos a todo o que poden facer antes de que chegue o balón á área e, sobre todo, quen sexa o que ocupe esa área haberá que defendela dunha ou outra maneira".

Aínda que resalta que o Dépor "é o mellor equipo da categoría", insiste en que o próximo rival branquiazul en ABANCA-RIAZOR "é o Real Madrid, é o mellor equipo de todos os tempos. E o mellor Club de todos os tempos ten un filial que ano tras ano ten xogadores de elite porque eles van, seleccionan, elixen... O que eles tocan aí acaba. Ninguén se pode resistir á chamada do club branco; pero eu creo que na actualidade o mellor equipo é o Dépor e non porque sexa o meu senón porque é o mellor".

Comenta do equipo que dirixe Raúl que "é o equipo que ten o maior número de xogadores que vai xogar na elite. Iso é unha obviedade. E cando falo de elite falo de Primeira División e mesmo de Champions. Pero hai que valorar cal é o momento de cada un dos rapaces. Evidentemente hai rapaces que xa poden xogar en Primeira División con absoluta normalidade e hai outros que se lles atisba un grandísimo futuro pero que se cadra agora mesmo están nunha etapa que iso que se percibe que vai ocorrer aínda non está a ocorrer, como pasa con moitos rapaces".

Óscar Cano reflexiona sobre a importancia do partido de mañá nunha liga con tantos aspirantes: "Vai estar tan axustado ou preveemos que vai estar tan axustado que precisamente non hai un partido que non sexa importante pero non hai un partido tampouco que sexa transcendente. Imaxina que nós logramos gañar, sacámoslle un número de puntos e é que dúas xornadas despois, poden estar por riba nosa. É tan difícil sumar nesta categoría e vai estar todo tan axustado que iso me fai pensar que todo é moi importante, pero que nada é transcendente porque aínda quedan moitas xornadas".

Despois de 5 partidos consecutivos sen encaixar un gol, pensa que "cando se fala de Ian Mackay está a falarse do mellor porteiro da competición. Ian veu ao Deportivo nomeado o mellor porteiro de Segunda División. Estamos a falar dun porteiro dos que dá de verdade puntos. ¿Que cambiou o seu rol? Obviamente. Non é o mesmo recibir 7 ou 8 lanzamentos máis ou menos claros por partido que recibir 1 ou 2. Iso ten que ver con que defende todo o mundo, pero tamén ten que ver o éxito das súas intervencións, desa 1 ou 2 facelas ben con que é un rapaz que está sempre atento ao que poida pasar. Dentro do contido táctico que ten durante os partidos agora hai menos intervencións coa pelota ou de ter que parar, e si hai moita ou hai un maior número de intervencións relacionadas con situar á xente correctamente, informarlles onde ten que estar a súa atención, quen está a cortar, quen está a penetrar... E ese traballo tamén o sabe facer. É un porteirazo. Estamos a falar sen ningún xénero de dúbidas do mellor porteiro da competición".

Aínda que subliña que "levar sen encaixar 5 partidos non quere dicir que o fixemos todo perfecto, pero si que é certo que por todo o que se monta ao redor deste tipo de resultados e de díxitos a nivel emocional, o xogador séntese mellor: 'considérome que aquí non pode facer ninguén un gol'. E este tipo de cuestións inflúen e teñen unha incidencia e un impacto absoluto no que é o rendemento".