RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Fixemos un gran esforzo por estar aí e non queremos perder iso que se gañaron os rapaces co seu esforzo e o seu rendemento"

Óscar Cano non cre que o partido deste domingo 12 de febreiro no Estadio José Luis de la Hoz-Matapiñonera (12:00, InSports.tv) ante o UD Sanse sexa un exame definitivo: "Somos conscientes que non vai haber nada definitivo até o final da competición. Agora entramos, iso si, nunha fase competitiva, de aquí a final de temporada, na que todos os equipos están a buscar cumprir cos seus obxectivos e vai ser moi difícil, cada vez máis, obter os 3 puntos que hai en xogo".

Cre que o encontro desta fin de semana "é unha oportunidade para seguir mostrando unha boa cara e a poder ser gañar fóra de ABANCA-RIAZOR, que é o que buscamos con afán".

Reitera pois que o Dépor entra nun tramo "importante" da competición porque lembra que "os próximos 4 enfrontamentos que temos, 3 ímolo a facer como visitantes e hai que seguir gañando se queremos estar arriba cos mellores. Por tanto, si que é certo que é importante, pero como sería tamén importante se xogásemos en ABANCA-RIAZOR, porque ao final son 3 puntos os que están en xogo. Custounos moitísimo chegar, remamos moitísimo e fixemos un gran esforzo por estar aí cando fai non moito tiñamos unha gran desvantaxe e non queremos perder iso que se gañaron os rapaces co seu esforzo e co seu rendemento".

Insiste en que non quere perder "esa condición que nos gañamos. Despois do partido de Badaxoz, o Córdoba estaba a 10 puntos e agora está a menos 1 e posiblemente dentro dunha xornada estean eles a máis 3 e dentro de 7 xornadas, nós a máis 2, ou igualados a puntos... Nunca se sabe. O que ocorreu nestas últimas 8 ou 10 xornadas ensínanos dúas cousas: A primeira, a dificultade para manter dinámicas positivas para todos os equipos que conformamos a categoría; e a segunda, que todo é posible en poucas xornadas, do mesmo xeito que se pode ter unha gran dinámica tamén se pode ter unha mala dinámica e en ningún caso sería definitiva. Quedan os partidos suficientes como para que ninguén dos que estamos aí arriba, e temos un invitado novo que é o filial do RC Celta, ningún dos que estamos aí entre os 6 primeiros debemos sentir que non podemos ser campións. E nós gañámonos ese dereito porque a xente traballou moito, traballou ben, obtivo un bo número de puntos. Temos que ser moi responsables para tratar de non perder iso que por dereito adquirimos".

Admite que "é moi difícil xerar as cousas que xeramos e como, sobre todo, xerámolas en ABANCA-RIAZOR, no sentido de que en primeiro lugar estás fóra de casa, os equipos locais teñen como unha maior obrigación sempre e sobre todo xogan na súa casa, coa súa xente e coas características que teñen cada un dos seus terreos de xogo. Non nos imos a atopar un contexto como o que nos atopamos en ABANCA-RIAZOR. Iso o habemos ir aprendendo co paso dos partidos e imos tratar de ver en primeiro lugar como están todos eses condicionantes e elixir".

Óscar Cano considera que "temos que ser un equipo que se expoña menos fóra de ABANCA-RIAZOR, que non teñamos, sobre todo desde o banco, esa sensación de que cada pelota que rolda a nosa área pode acabar en gol do adversario. Temos que ser moito menos puristas do que somos en ABANCA-RIAZOR, atopar o dominio a través doutros factores, tratar de facer cousas que non facemos en casa porque realmente non as necesitamos e a partir de aí merecer a vitoria e por suposto obtela".

Iso si, subliña que "imos tentar ser nós mesmos" en San Sebastián de los Reyes pero, matiza que "en función do que ocorra teñamos a posibilidade de modificar sobre a marcha; traballar varias cousas para que, en función do que nos vaiamos atopando, podamos responder ante esas demandas que vai ter o xogo condicionadas por como eles se dispoñan no campo, o tipo de fútbol que traten de facer tanto en ataque como en defensa e nós estar preparados para modificar e alterar certos comportamentos que son habituais en nós para poder penetrarnos noutras dinámicas que tamén nos fagan ser competitivos".

Está convencido que chegará un partido redondo lonxe de ABANCA-RIAZOR "pola calidade que ten este cadro. Tennos que chegar como lle chegou a todos os equipos e por suposto vai afectar de maneira positiva o que é o ánimo da xente. No momento que chegue ese partido a xente vaise a dar conta de que fóra de casa tamén podemos ser tan competitivos, porque tamén hai aquí un relato que tampouco é certo do todo. Parece que temos uns números horribles fose de casa e non é así; o que pasa é que nós, porque somos o Deportivo, temos a obrigación de ser moi ambiciosos e queremos calcar os números de ABANCA-RIAZOR fóra, sabendo, se somos honestos, que non vai ser fácil, case é algo imposible. Pero si ter uns mellores números que nos permitan, cada vez que saímos, sentirnos igual de poderosos que cando xogamos en casa".

Do UD Sanse, o adestrador branquiazul opina que "volveron a facer cousas que facían xa o ano pasado e que tan bos resultados deulle a ese equipo. Eles dominan moi ben todo o que ten que ver co xogo directo, son xente cunha gran intuición para saber onde vai caer o balón, en que condicións vai caer o balón e crecen moito en campo contrario. Poden facer cousas distintas porque agora ao non dispoñer de Arturo, quizais Ródenas é un xogador con outras características, Pedro Benito tamén vai moi ben ao espazo... Tratamos de simular moitas das cousas que eles fan para ver como nos podemos axustar e sobre todo para que se familiaricen os nosos xogadores con aquilo que se van a atopar".

Pensa que o cadro branquiazul "está agora mesmo confeccionado e construído para poder xogar con dous atacantes, con dous extremos, sen extremos e iso fai que un estea moito máis tranquilo do que poida estar outro adestrador noutro club".

Aínda que apunta que Lucas Pérez "é importantísimo para nós, imos tratar de que non sexa imprescindible porque tamén antes da súa chegada, o Dépor fixera moi bos números. O que si veu Lucas é a mellorarnos amplamente e de maneira significativa. Estamos, con diferenza, ante o mellor xogador de toda a categoría. Pero a aspiración de todo adestrador é que ninguén sexa imprescindible, precisamente calquera dos nosos xogadores pode sufrir un contratempo, non estar por cartóns un ou varios partidos e un gran equipo ten que conseguir que da mellor maneira posible, calquera baixa ou calquera ausencia poida ser substituída con garantía". "Imos tratar de que ningún xogador nos pareza que é imprescindible desde o punto de vista de que o equipo rende sen calquera deles", conclúe.