RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano promete "loitar até o último minuto" e subliña a unidade en "un grupo a proba de bombas"

Óscar Cano asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, máis aló do enfado de #ANOSAFORZA exteriorizado o pasado domingo con protestas na bancada do Estadio Reino de León, o técnico deportivista está centrado "en que os xogadores adestren da mellor maneira posible e iso volveuse a dar esta semana; en que os xogadores teñan paixón polo que fan e iso volveuse a dar esta semana; en que o grupo estea cohesionado e iso volveuse a dar esta semana; e en velos preparados para afrontar un partido e iso volveuse a dar esta semana".

Do RC Celta B, rival este domingo 26 de marzo ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e InSports.tv), resalta que "é un equipo que vén en moi boa liña, que ten moi bo uso do balón. Eu diría que é un dos equipos que mellor usan o balón da categoría. É un equipo que trata de defender cando o perde moi arriba. Vai ser un partido desde o punto de vista do espectador moi entretido porque somos dous equipos que temos unha pretensión similar á hora de de xogar".

Cualifica o partido de "moi importante. A medida que nos imos achegando á beira, ao final do campionato, os partidos vanse facendo máis importantes e nalgún caso transcendentes. De momento hai tempo e hai puntos por diante para alcanzar esa primeira praza e iso pasa por gañar o domingo".

Opina que lle gustou máis o partido do Dépor en León que "o partido de Ceuta e máis que o partido de Alxeciras. O que non me gusta máis, por suposto, é o resultado. O que pasa que moitas veces somos moi vítimas do resultado. O primeiro, o adestrador. Temos que ser moito máis autocríticos co que ocorre e ser autocríticos non quere dicir só extraer o malo de cada partido en función de se se gaña ou se se perde, se non extraelo todo: o bo, o malo, o menos bo, o menos malo, o regular..."

Ademais, o adestrador branquiazul lembra que todos os equipos queren xogar na súa casa porque "se xera todo aquilo que se achega a favorecerte. Por iso é máis fácil gañar dentro que fóra de casa e os equipos teñen por norma moitos máis puntos como local que como visitante".

Promete tentar "facer as cousas da mellor maneira posible e que no canto de media hora boa fóra de ABANCA-RIAZOR, a próxima vez que salgamos sexan 45 minutos, ou 60 mellor. Pero agora mesmo imos xogar como locais o domingo e aí é onde temos que destinar toda a nosa enerxía".

Ten claro que "este deporte depende dos bos xogadores e como nós temos moitos bos xogadores, por iso estamos entre os primeiros clasificados e por iso imos loitar até o último minuto para darlle a #ANOSAFORZA aquilo que merece desde hai moito tempo".

Presume da unidade do vestiario, recalca que "este cadro, se se mantivese 10 anos no tempo, entre eles non terían ningún tipo de problema"; e confesa que "non sentín durante a miña estancia aquí ningunha falta de respecto e esta semana moito menos. Esta semana hai unha chea de detalles que teñen que ver con entender que o seu adestrador o poida estar a pasar mal, mensaxes tanto a través da telefonía como fóra da telefonía, contactos mesmo que teñen que ver con chamarme a atención porque queren expresarme que estamos todos a un tempo. Non é necesario, porque as cousas se demostran andando e facéndoas; e eles fana todos os días e nese sentido o grupo está a proba de bombas".