RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Paso firme do Dépor ABANCA (5-1) para situarse a dous da Liga Iberdrola

O Deportivo ABANCA ratificou con contundencia o bo resultado do partido de ida da primeira eliminatoria da fase de ascenso á Liga Iberdrola ante o Alhama CF. Após a vitoria pola mínima no partido de ida por 0-1, gol de Maya, a reválida chegaba esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo ante máis de 1.200 afeccionados.

O partido empezou coas forzas igualadas e con dominio local mentras as xogadoras murcianas, intensas e ordenadas, aguantaban as arremetidas deportivistas tratando de saír á contra. Moito contacto entre ambos os equipos, que obrigaron a saír ás asistencias nun par de ocasións e unha man de Miralles preto do traveseiro no minuto 22 marcaron o primeiro cuarto de partido. Un choque que rompeu Teresa Abelleira cun gran lanzamento de falta. Mentres compañeiras e rivais agardaban o centro, a internacional pontevedresa atopou a escuadra do equipo murciano para pór por diante ao Dépor e dar o primeiro gran respiro da mañá.

Co paso dos minutos a intensidade do Alhama foi baixando e as chegadas do Dépor ABANCA converténdose en incesantes para pór, case en fervenza, un gol detrás doutro no marcador da Cidade Deportiva. Gaby, após recoller un centro de Teresa, Peke e Mérida converteron en goles o torrente ofensivo do Deportivo nunha xa máis tranquila segunda parte que serviu para medir as forzas de cara ao reto que o equipo ten agora por diante: 180 minutos cara á liga Iberdrola. Co 4-0 no marcador Marina fixo o gol do Alhama na eliminatoria mentres que Maya, que xa abrira a veta na ida, pechou a conta global xusto antes de ser sustituída.

Unha hora despois de asinar a clasificación, o Femarguín, o equipo da localidade canaria berce de Juan Carlos Valerón, Arguineguín, conseguiu o seu pase para a final da fase, polo que a ruta xa ten primeira parada: o domingo 12, ás 11:00 e co xogador número 12 nas bancadas de Abegondo: Dépor ABANCA-Femarguín, na ida da eliminatoria definitiva para o ascenso de categoría.

Dépor ABANCA: María Miralles, Cris, Raquel, Silvia Mérida, Érika, Iris, Teresa Abelleira, Alba Merino (Lía, min. 59), Maya (Michelle Romero, min. 85), Peke (Nuria, min. 70) e Gaby.

Goles: 1-0 Teresa (min. 27); 2-0 Gaby (min. 53); 3-0 Peke (min. 54); 4-0 Mérida (min. 65); 4-1 Marina (min. 68); 5-1 Maya (min. 79).