RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

William advirte, sobre o Real Racing Club, que "temos que acatar, traballar e para cando nos toque xogar, gañar o partido"

William de Camargo atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista confesa que o cadro viviu con "normalidade" a pasada fin de semana, marcada polo adiamento do encontro ante o Real Racing Club en ABANCA-RIAZOR: "Xa que non se xogou, tócanos facer o mesmo de sempre, volver adestrar e pensar no próximo partido".

Asegura que o Deportivo se tomará "igual" o choque ante os cántabros na data na que se celebre: "É un partido importante e temos que gañar como sexa".

Admite o futbolista brasileiro que o non xogar deixoulle "un pouco enfadado, pero é cousa da Federación. Non vexo ben que con dous casos non se xogue pero a Federación tomou a decisión, entón temos que acatar, traballar e para cando nos toque xogar, gañar o partido".

Non cre que este mes de xaneiro estraño con paróns, adiamentos, partidos concentrados en catro días afecte á marcha do equipo porque "cada día competimos contra nós mesmos. Iso xa nos dá para entrar en ritmo. O cadro é de nivel moi alto, entón cada día son adestramentos máis esixentes e non vai ser escusa porque nós estamos metidos no que debemos facer".

Desexa William que se poida xogar o choque deste sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Real Unión de Irún (19:00 horas, Footters), equipo que hoxe se somete a probas PCR despois de varios casos positivos no seu vestiario, porque "se cada un que salte cun positivo ou dous será un caos e entón non se xogará máis de aquí até maio".

Ante o conxunto vasco vaticina "outro partido complicado. É un equipo que está a facer as cousas ben, por iso está aí. Temos que tomar como sempre o partido moi en serio para sacar os tres puntos".

Lembra finalmente o partido da primeira volta no Stadium Gal, no que o Dépor caeu derrotado pola mínima: "Foi unha mágoa. Xogouse moi ben a pesar do resultado. Temos en conta como xogan, os seus factores positivos, estar pendente diso para facer un bo partido e gañar o sábado".