RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fundación RC Deportivo e a Fundación IMQ San Rafael asinan un convenio de colaboración

A Fundación RC Deportivo e a Fundación IMQ San Rafael subscribiron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de promover e fomentar de maneira conxunta actividades de carácter deportivo, cultural e social. Os asinantes do acordo foron os presidentes da Fundación IMQ San Rafael, Benigna Pena Sánchez, e da Fundación RC Deportivo, Constantino Fernández Pico, no transcurso dun acto celebrado no Hospital San Rafael.

O obxectivo do acordo está centrado no desenvolvemento conxunto de programas e campañas de fomento dos hábitos saudables, entre eles a promoción da actividade física, a nutrición e prevención da obesidade, así como a redución do tabaquismo ou a concienciación sobre o consumo de alcol.

No marco deste acordo, a Fundación IMQ San Rafael tamén contribuirá a ofrecer as máximas garantías de seguridade e atención médica aos membros máis novos da comunidade do Real Club Deportivo. Para iso, entre outras iniciativas, ofrecerá servizo médico en ambulancia medicalizada no transcurso Torneo Real Club Deportivo de Prebenxamíns e Benxamíns que se disputa cada ano na Cidade Deportiva de Abegondo no mes de maio. Esta colaboración poderá estenderse a outras accións deportivas, como as que desenvolva o equipo do Deportivo de LaLiga Genuine.

No transcurso do acto de firma, tanto a presidenta da Fundación IMQ San Rafael como o presidente da Fundación RC Deportivo, subliñaron a súa satisfacción por alcanzar este acordo e aproveitaron o seu encontro para lembrar a figura do doutor Rafael Hervada, fundador do Hospital San Rafael, que dedicou gran parte da súa vida á medicina deportiva. Precisamente, o doutor Hervada foi médico do Real Club Deportivo, así como doutras sociedades e federacións vinculadas ao deporte con gran arraigamento na cidade. Os presidentes de ambas as entidades destacaron que con este acordo únense as dúas paixóns do doutor Rafael Hervada: o medicina e o deporte, ás que se suma outra das súas grandes vocacións: a divulgación e o achegamento da cultura sanitaria á sociedade. Por iso, após asinar o convenio tanto Benigna Pena como Tino Fernández mostráronse convencidos de que constitúe o punto de partida dunha frutífera colaboración que redundará na promoción da saúde, o deporte e o benestar da sociedade coruñesa.

A Fundación Real Club Deportivo ten como finalidade principal a difusión e comunicación pública da proxección deportiva, social e histórica da actividade do Real Club Deportivo, así como o achegamento do deporte á sociedade, facilitando a súa práctica, nas súas distintas categorías e idades, especialmente entre as máis temperás, procurando que a práctica do deporte vaia unida a unha formación integral dos mozos. Tamén traballa na formación de deportistas, en especial futbolistas, mediante a promoción e axuda á canteira e o apoio a centros de estudos, escolas e equipos deportivos de base ou amateur, tanto masculinos como femininos.

Pola súa banda, a principal misión da Fundación Instituto Médico Cirúrxico San Rafael é o desenvolvemento e o fomento da investigación biomédica e a súa promoción no ámbito de Galicia, a fin de favorecer a aplicación de novos produtos, técnicas e tecnoloxías para o tratamento e a prevención das enfermidades co máximo nivel que ofreza, en cada momento, a comunidade científica. Ademais, centra a súa actividade divulgativa na promoción da saúde en xeral, a través da docencia e da divulgación, así como a organización de actividades de formación continua dirixidas ao colectivo de profesionais sanitarios e o apoio, cos seus recursos e coñecementos, ao desenvolvemento e a protección de colectivos vulnerables ou desfavorecidos.