RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños admite que "por moito que sexa un filial é un partido que para #ANOSAFORZA é importantísimo"

Álex Bergantiños manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, minutos antes de que arrancase a sesión de traballo do primeiro equipo, que "estamos aínda en construción. Cambiamos algunhas cousas con respecto ao ano pasado, tamén xogadores novos. O principal problema que temos son as distancias entre nós. Estamos a ter distancias non correctas á hora de pasar da fase de creación á de finalización. Quizais estamos a nos atascar un pouco ou recibindo en zonas difíciles de xerar perigo. Está a custarnos esa última fase de tres cuartos chegar en mellores condicións. Está todo relacionado. Non creo que sexa un problema só de creación, senón tamén de como estamos relacionados en distancia, ocupando os espazos. En Mérida estivemos demasiado balanceados todos moi preto do balón, iso facía que houbese menos espazo. O outro día en ABANCA-RIAZOR ao revés, da liña de atrás á liña de adiante había demasiados metros. Sempre tiñamos que buscar xogadores de costas. Faltou un pouco romper o espazo, atacar un pouco máis. Son movementos e coordinacións que temos que ir collendo".

O capitán branquiazul pide neste momento da competición "ter tranquilidade. De momento levamos 3 partidos, sacamos 7 de 9. Está claro que #ANOSAFORZA sempre quere máis, quere ver ao seu equipo mellor. Nós tamén somos os primeiros que non estamos satisfeitos de como estamos a xogar. Isto é un proceso. O ano pasado gañamos os catro primeiros partidos de liga e ao final non acabamos ascendendo. Hai que ter tranquilidade, crer no proxecto, nos procesos. Estou convencido de que imos ir mellorando en canto a xogo e loxicamente todos queremos que sexa canto antes, coas mellores sensacións, pero hai que ter tranquilidade e nós dentro temos que ter a mente fría, analizar as cousas que temos que mellorar para ir progresando como equipo e crecendo. Hai que saber que isto é unha carreira a longo prazo. Hai que ir sacando puntos, pero tamén mellorando no xogo aos poucos".

A nivel persoal, confesa das críticas que tenta "estar un pouco á marxe. Xa levo moito tempo nisto e cada afeccionado, cada xornalista, cada persoa que demostra a súa opinión ten as súas preferencias. Eu que levo tanto tempo aquí sempre vou estar, para ben ou para mal, máis exposto que outros compañeiros. Hai que tentar analizarse un mesmo, ser autocrítico sempre: as cousas que fago ben, as que fago mal, as que me piden, as que podo mellorar ou facelo de diferente maneira. Cando as cousas non saen ben son o primeiro que ten autocrítica consigo mesmo e co equipo e tenta axudar a corrixilo tanto para min individualmente como para os meus compañeiros. Sempre tento ter ese grao de autocrítica ao final co corpo técnico e connosco. Somos os que temos que ter a mente fría de de valorar máis aló de opinións que poidan chegar desde fóra, que tento estar á marxe, porque hai tantas opinións como afeccionados. É imposible estar pendente diso, porque o único que vai facer é afectarche máis co paso do tempo. Tento estar á marxe e centrarme no traballo que eu podo facer".

É consciente e subliña "o privilexio do que significa o Dépor e como se vive aquí e en todas partes. Sempre vai haber esixencia, iso, os que levamos tempo aquí, tentamos transmitir aos que chegaron. Se se gaña, ¿por qué non se gaña por máis goles?; e se non se gaña, ¿por qué non se gaña? Estamos expostos a esa esixencia e máis aínda na categoría na que estamos agora. Somos un dos favoritos e imos ter ese grao de esixencia sempre. É normal e mesmo bo que haxa preocupación porque iso é que #ANOSAFORZA está pendente do equipo, está enchufada. Tiñamos 18.000 ou 19.000 o domingo aquí en ABANCA-RIAZOR, a xente vive para o Dépor, esta pendente do Dépor, preocupada polo Dépor e iso é bo. Preocúpache porque apaixónache, porque o queres e porque vas estar pendente constantemente. Iso ten que facernos a nós estar máis en alerta que nunca e tentar responder a ese grao de esixencia con melloras constantes. Sempre tentando desde dentro manter a cabeza fría do que é a profesión, o xogo, do que temos que mellorar e as características que temos".

Lembra respecto da visita ao RC Celta B deste sábado 24 de setembro ás 18:00 horas (TVG-2 e InSports.tv) que "por desgraza xa é o terceiro ano seguido que estamos nesta categoría e que temos que xogar este partido. Como deportivista, como coruñés é un escenario que non nos gusta vivir, pero é a realidade de agora mesmo. Temos que tentar saír dela canto antes e para iso hai que gañar este tipo de partidos. Todos esperamos que canto antes o Dépor estea onde lle pertence, pero o fútbol é presente e o presente é ir xogar contra o Celta B e tentar gañar en ABANCA-Balaídos para gañarse o dereito a estar na categoría na que lle pertence estar".

Do conxunto céltico, opina que "como todos os filiais, cada ano hai moitos cambios. A principios de temporada sempre lles custa un pouco máis porque son xente moi nova que se ten que adaptar e conxuntar; e van collendo experiencia a medida que pasen os partidos. O mellor exemplo foi o ano pasado. O primeiro partido gañámoslles aquí 5-0 e despois foi un equipo que case entra en play off e fixo unha segunda volta inmellorable. Eles estarán nesa fase de adaptación co plus que ten para eles xogar contra nós. Sempre os filiais dan un plus neste tipo de partidos porque son xogadores de moito talento, con individualidades importantes porque están escollidos para un filial de equipo de Primeira División. Temos que estar preparados para iso e colectivamente estar máis conxuntados nós e poder facer un partido máis controlado, que non o levemos a ese terreo individual".

Sostén Álex que "o xogador que vén novo e que vive na Coruña xa o palpa, na xente da rúa, o día a día. Todo o mundo sabe que é un partido diferente, máis aínda co que pasou o ano pasado, coa tensión que se viviu. Imos xogar a un estadio de Primeira División. Por moito que sexa un filial é un partido que para #ANOSAFORZA é importantísimo. Todo o grupo vai estar motivadísimo para o sábado, sabendo que é un partido importante por todo, polo rival, porque vimos dun empate e porque queremos mellorar e seguir en liña ascendente para gañar partidos e para estar na parte alta da clasificación".

Finalmente, non se asombra polo apoio masivo desde a bancada cada fin de semana: "É un privilexio que temos e en moi poucas partes do mundo vívese o que se vive aquí en torno ao Dépor en canto a medios, afección, repercusión... É unha semente que xerminou coa época do Súper Dépor, de Arsenio. Todo iso se ha ir inculcando de pais a fillos e é algo co que convivimos. É o maior reflexo, o equipo leva 3 anos no terceiro nivel do fútbol español e ver como #ANOSAFORZA apaixónase, como vive o día a día do equipo, na esixencia, en coñecer aos xogadores, no vivir cada partido de cada fin de semana coa expectación, en ir a ABANCA-RIAZOR coa familia... É un fenómeno que temos aquí e que temos que manter porque é o que nos dá identidade de cidade, de club, de afección, que nos mantén unidos. Oxalá o equipo a curto prazo consiga devolver a #ANOSAFORZA todo o que está a dar e o que está a manter. O único activo que ten o Club agora mesmo é ese e a iso témonos que agarrar, témolo que coidar e seguir regando esa planta da afección, porque é a que tarde ou cedo vai conseguir que isto rexurda para arriba; e volvan o Club e #ANOSAFORZA a vivir tempos que son os que lle corresponden e os que se merece polo seu valor".