Almorzo para As Nosas en Sanbrandan Lunch de Fnac e diversión en The Rombo Code da Grela
O Dépor ABANCA gozou hoxe mércores dunha xornada diferente, fóra de Abegondo, debido a que esta semana non hai liga en Primera Federación FutFem.
O bo momento clasificatorio do equipo, 2º na táboa con 17 puntos e só superado pola SD Eibar, líder con 20 puntos; e o feito de que a seguinte cita ligueira sexa o sábado 19 de novembro ás 16:00 na Ciutat Esportiva Joan Gamper (campo 7) ante o FC Barcelona B, fixo que o corpo técnico branquiazul buscase unha mañá diferente á habitual, fóra por unha vez do céspede da Cidade Deportiva.
A xornada arrincou ás 09:30 no Sanbrandan Lunch situado na tenda FNAC da praza de Lugo. Futbolistas e técnicos un almorzo especial para deportistas, con zumes, cafés, infusións, tostas de aguacate, queixo e xamón ibérico.
A continuación, o equipo realizou un xogo de escape room, por xentileza da empresa The Rombo Code, situada no polígono coruñés da Grela e especializada en eventos de empresa e celebracións particulares.
As xogadoras, divididas en varios grupos segundo dispuxo Irene Ferreras, tiñan que, utilizando a lóxica e o traballo en grupo, escapar dunha habitación nun tempo establecido.
A medalla de ouro foi para o equipo integrado por Laura Fernández, Carlota Suárez, Ainhoa Marín, Inés Altamira, Manu Posse (preparador físico), Cris Oreiro e Patri López.
Samara, Marta Charle, Lucía Alba, Eva Dios, Lorena Reina, César Conde (analista) e Cris Martínez colgáronse a medalla de prata no punto e final a unha xornada idónea para facer piña de cara aos compromisos vindeiros do Deportivo ABANCA.