RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Bertamiráns repite por terceiro ano entre os DéporCampus Cabreiroá

Bertamiráns será escenario dun DéporCampus Cabreiroá por terceiro verán consecutivo, mercé á renovada colaboración entre o RC Deportivo, o Bertamiráns CF e o concello de Ames.

Á presentación do DéporCampus Cabreiroá 2018 de Bertamiráns acudiron Sergio Penas (secretario do Bertamiráns CF), Rafael Budiño (presidente do Bertamiráns CF) e José Miñones (alcalde de Ames). Tamén participou no acto, en representación do Club, Pablo Barros, director dos DéporCampus.

A localidade da área metropolitana de Santiago de Compostela, un dos clásicos dos DéporCampus Cabreiroá, será unha das sedes cunha quenda, do 9 ao 13 de xullo. O Campo de Fútbol Municipal de Bertamiráns será a sede deste DéporCampus Cabreiroá, cuxas inscricións están abertas a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos e poderán realizarse até o mediodía do xoves 5 de xullo.

Os DéporCampus Cabreiroá creceron de forma exponencial desde a chegada do actual consello de administración do RC Deportivo. Dun campus cunha única sede e menos dun centenar de nenos e nenas en 2013 pasáronse ás actuais 14 localizacións. Este verán estréanse 5 sedes: Ourense, Cuntis, Dumbría, Boiro e Camargo (Cantabria), que se suman ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Bertamiráns, Caranza, Monforte, As Pontes, Ordes, Zas e Xenebra (Suíza).

Podes atopar toda a información dos DéporCampus Cabreiroá en deporcampus.rcdeportivo.es/gl