RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Bo triunfo a domicilio do Dépor ABANCA para manter o ritmo de cabeza (0-3)

Nunha mañá asollada, pero con vento que ameazaba con deslucir e por momentos incomodou o xogo, o Dépor ABANCA buscaba facer bo o resultado da pasada fin de semana ante Osasuna contra un rival do outro extremo da clasificación.

Para iso, Irene Ferreras aliñou ás mesmas once que arrincaron contra as pamplonicas en Abegondo. No primeiros cinco minutos o Dépor ABANCA forzou varios córneres case consecutivos previa xogada de perigo. O primeiro por mediación de Laura após un saque de banda e posterior control desde a esquina cara a dentro e axustando ao pau obrigou a Paula a desviar a saque de esquina. O balón botado por Henar rematouno Paula Gutiérrez e fixo tirar de novo de reflexos á porteira local.

Após ese primeiro acoso branquiazul o Dépor ABANCA seguiu percutindo en xogada, pero sen xerar esas ocasións de perigo. Un perigo claro en contra que chegou nunha xogada por banda na que Cris acabou facendo penalti e que puido cambiar a historia do partido. Unha pena máxima que lazou Estefa e parou Lucía, demostrando a súa habilidade neste tipo de xogadas, no minuto 11.

Ainhoa tentouno no quince xusto antes de que, lesionada, Samara tivésese que retirar do partido para que Patri ocupase a súa posición. Millene tamén fixo traballar a Paula nun momento no que o partido non tiña un dominador constante. Un equilibrio que desfixo Marta Charle cunha xogada na que obrigou a intervir á defensa, o rexeite quedouno Laura que de novo deixou para Charle que acomodouna para bater cruzado a Paula.

O Dépor ABANCA seguiu á carga e primeiro con Laura por un costado e con Ainhoa polo outro conseguiu meter balóns en área que non atoparon rematadora ou que foron atallados pola porteira biscaíña. A segunda de Ainhoa quedou morta para Charle que non puido rematar con comodidade pola oposición da defensa nunha ocasión clara para facer o segundo. Un gol que chegou após un saque de banda de Cris que deixou para Millene. A brasileira orientouna para poder disparar e bater a portería local camiño do desenlace da primeira metade. Cun centro chute ao lateral da rede de Ainhoa chegouse ao descanso coa tranquilidade da vantaxe conseguida na primeira parte.

O segundo tempo empezou co Athletic buscando recortar diferenzas cun par de aproximacións que pronto o Dépor ABANCA puido contestar recuperando o control do xogo e as chegadas a área local con varias xogadas de perigo como a de Laura que se lle foi excesivamente cruzado ou a contra de Ainhoa que acabou en mans de Paula.

A partir de aí o partido cambiou a cara para converterse nun encontro máis trabado e de ida e volta. Un partido que sentenciou aos poucos minutos de entrar no campo Carlota Suárez nunha xogada persoal que estivo a piques de abortar Paula pero que finalmente acabou estrelándose no pau antes de entrar na portería local para pór o 0-3 no marcador.

Non renunciou a marcar máis o Dépor ABANCA, tampouco o Athletic que se atopou co traveseiro e Lucía na prolongación, pero As Nosas souberon manexar os últimos minutos do partido co osíxeno que deron arriba Eva Dios e Sara Navarro para poder pór a pausa necesaria a un bo resultado lonxe de Abegondo e seguir nos postos de cabeza da clasificación despois dun novo partido a domicilio.

Athletic Club B: Paula, Eider, Amaia (Ainhi, min. 68), Estefa, Zubieta (Laida, min. 46), Urzainqui, Elexpuru, Miranda, Claudia Fernández (Iribarren, min. 46), Malen (Maya, min. 72) e Mara (Oihane, min. 46).

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Patri López, min. 16), Paula Gutiérrez, Henar (Carlota Sánchez, min. 46), Ainhoa Marín, Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 69), Charle (Eva Dios, min. 84) e Millene (Sara Navarro, min. 84).

Goles: 0-1 Charle (min. 23); 0-2 Millene (min. 37); 0-3 Carlota Suárez (min. 72).

Árbitra: González Sánchez. Amoestou a Cris (min. 11) e Henar (min. 20).

Incidencias: partido da 6ª xornada de Primeira Federación FutFem disputado no Campo 8 de Lezama.