RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Borja Jiménez avanza na construción do novo Dépor

Avanza a pretemporada e Borja Jiménez vai dando cada vez máis importancia ao traballo táctico en cada sesión de adestramento. O técnico deportivista redeseña aos poucos, sen présa pero sen pausa, o novo Dépor 2022-23 aínda que, tal e como el mesmo afirmou en rolda de prensa o pasado venres, "non imos ver un Deportivo moi diferente en canto á concepción xeral de xogo. Sabemos onde temos un déficit que temos que mellorar desde o adestramento, que podemos mellorar con perfís de futbolistas". Insistiu ante os medios de comunicación en que "desde o adestramento e desde o xogo hai que corrixir tamén cousas que o ano pasado non se fixeron ben".

Esta mañá, após unha activación e un xogo que provocou as risas dos xogadores, Borja Jiménez dispuxo un exercicio de movementos analíticos defensivos, outro de defensa de centros laterais, un máis de transicións e unha última tarefa de ataques dez contra nove.

Borja Granero, Trilli e Roberto Olabe están con traballo personalizado; mentres que Yeremay, Dani Barcia, Mella, Jairo, Martín Ochoa e Ángel Puerto, foron a representación de #ANOSACANTEIRA, os tres últimos unicamente nalgunhas das tarefas da mañá.

Mañá xoves haberá de novo dobre quenda en Abegondo: 10:30 e 18:00 horas.