RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez mantén pisado o acelerador

O Deportivo realizou esta mañá un novo adestramento en Abegondo, o único previsto para hoxe xoves.

Lonxe de caer na autocompracencia polo resultado e sobre todo a forma do triunfo de onte ante a SD Ponferradina, un rival de superior categoría (Segunda División) e que ademais arranca a competición a semana que vén, Borja Jiménez non baixou o ritmo de traballo no adestramento de hoxe, único do día; e mantivo pisado o acelerador.

Precisamente na rolda de prensa da súa presentación previa á sesión, Raúl Carnero indicou que o 7-1 de onte na Magdalena "é anecdótico. É mellor así que perder. Válenos para quedarnos co traballo que no día a día vimos facendo en Abegondo; en que a xente que vai metendo goles colla confianza cara á liga, con esa fame de gol e confianza en enchufarlas; e nas sensacións positivas. No resultado non nos temos que fixar. O sábado temos un novo amigable que afrontaremos coa máxima seriedade esquecéndonos xa do de onte".

Así pois, todos os futbolistas dispoñibles, independentemente de se xogaron onte 62 minutos ou 28, completaron a sesión. Só Raúl Carnero estivo unicamente na primeira parte como parte do plan para dosificar a carga.

Despois dunha activación, roda de pases e rondos, o corpo técnico branquiazul dispuxo unha serie de exercicios tácticos e un partido a mediocampo.

Para concluír a xornada, o corpo técnico dividiu ao grupo en dous: mentres os defensas realizaban un exercicio específico no campo 3, os demais tiñan carreira continua supervisada polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca.

Están con traballo personalizado Borja Granero, Héctor Hernández, Roberto Olabe e Trilli, que si estivo co grupo nas primeiras tarefas.

Yeremay, Jairo e Mella foron esta mañá a representación de #ANOSACANTEIRA; aínda que Marcel, Martín Ochoa, Brais Val e Tim Caroutas incorporáronse tamén nalgún exercicio.

Mañá venres 5 de agosto hai dobre quenda na Cidade Deportiva: 10:30 e 18:00 horas.