David Mella estivo concentrado estes días coa selección sub-17 masculina para xogar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas (Madrid) dous amigables de preparación para o Europeo, os dous ante Francia.
O segundo deles foi esta mañá e con el pechouse esta concentración da selección española sub-17.
David Mella foi titular e xogou completo un encontro que concluíu con triunfo español: 2-1.
O primeiro dos amigables ante os galos foi o pasado martes e saldouse cunha contundente vitoria hispana tamén con protagonismo para #ANOSACANTEIRA. Mella empezou o choque no banco e substituíu a Víctor no minuto 27.
Do atacante branquiazul foi o último gol do encontro, o cuarto de España, no minuto 90. Yusi centrou un balón desde a esquerda recuperado após unha boa presión e Mella, de cabeza a pesar da súa estatura, batía ao meta francés.
Os resultados da selección española sub-17 nesta concentración foron os seguintes:
Martes 19 de abril ESPAÑA 4 - FRANCIA 1
Xoves 21 de abril ESPAÑA 2 - FRANCIA 1
David Mella regresa á Coruña esta tarde e mañá venres porase ás ordes de Óscar Gilsanz para seguir preparando o partido do domingo en Abegondo ante o Rápido de Bouzas.