RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Derrota no Vicente Calderón dun Deportivo que encaixou un tanto aos 40 segundos de partido

Un gol do Atlético de Madrid aos 38 segundos de partido condicionou o partido que o Deportivo disputou esta tarde no Vicente Calderón e que acabou perdendo por dous goles a cero. Mista, a sete para o final sentenciou o choque.

O resultado no Manzanares deixa ao Dépor decimosegundo na clasificación, con sete puntos por encima do descenso, posto que dos de abaixo, só gañaron os pechacancelas, Real Sociedade e Nastic, a Mallorca e Sevilla respectivamente.
Non houbo sorpresa na aliñación e Caparrós aliñou ao once habitual nesta segunda volta, co cambio obrigado de Coloccini polo sancionado Jorge Andrade. Galleti puxo o partido ao lado branquivermello antes do primeiro minuto de encontro. Antonio López centra desde a esquerda e o arxentino cruza o esférico para que Aouate non poida facer nada.
A partir de aquí, a formulación inicial deportivista cambiou radicalmente. Era necesario a partir de agora irse cara arriba para buscar o empate. Torres puido facer o segundo nuns minutos de desconcerto deportivista. No entanto, e con moito corazón, o Dépor conseguiu gañar terreo aos poucos e apertar a Leo Franco. Arizmendi no minuto 38 puido lograr o empate nunha das poucas ocasións nas que se zafó da marcaxe da zaga madrileña. Con esta boa ocasión e outra boa de Torres que salvou Aouate chegouse ao descanso. Tras a continuación, Juan Rodríguez ocupa o dobre pivote con Sergio. Caparrós busca máis ambición no centro do campo, intención que redobrou coa entrada posterior de Verdú. A pesar de que o Deportivo saíu con máis pulo, Antonio López puido sentenciar no minuto 50, pero o seu chute foise ao traveseiro. A xogada clave puido estar no minuto 64. Varios deportivistas protestan ao colexiado do encontro, Mejuto González, unha man na área branquivermella tras un disparo de Estoyanoff, rexeite de Leo Franco e remate posterior de Arizmendi que foi abortado por un defensa atlético. Catro minutos máis tarde, Estoyanoff volve ter o empate nas súas botas, pero o seu chute o para Leo Franco.
Xa co Dépor claramente ao ataque, Taborda substituíu a Manuel Pablo, o Atlético sentenciou cun tanto de Mista a sete minutos para o final dun partido que deixou como unha das notas máis destacadas a gran marcaxe de Lopo sobre Fernando Torres. Agora, a pensar xa no partido do domingo ante o Xetafe en Riazor, ao cinco da tarde.