RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dura eliminación do Dépor nas semifinais de Copa del Rey (1-2)

O Dépor caeu eliminado nas semifinais da Copa del Rey de xuvenís no Reino de León na penúltima xogada do partido. Cando só restaba un minuto para chegar á prórroga, un remate á saída de córner de Rachad botou no chan antes de irse ás mans de Hugo Lemos. No aire o balón, segundo os colexiados, excedeu por completo a liña para converterse no gol definitivo da eliminatoria.

Antes, a xornada comezara con cambios na convocatoria, ao quedar fóra Noah e Delgado por enfermidade, ocupando o seu sitio en León Álvaro Otero e Guerrero.

Os primeiros minutos de partido foron de ten con ten para ambos os conxuntos, tentando asentarse nun campo excesivamente brando que fixo escorregar a moitos futbolistas, sobre todo na primeira parte.

O Dépor tentábao con insistentes pases ao oco para Martín Ochoa, aínda que a primeira chegada clara en xogada persoal foi de Hugo Baldomar, que se foi pola esquerda e obrigou a intervir a Bruno. Na mesma xogada, cando a defensa trataba de sacar, recuperou o Dépor para que a quedase o propio Ochoa na frontal, encarase, plantásese no punto de penalti e materializase con calidade o primeiro do partido.

Pouco durou a alegría deportivista porque na seguinte xogada, en zona dereita de ataque do Almería, centrou Marciano e na traxectoria do balón cruzouse a perna de Seydi para desviar superando por alto a Hugo Lemos e pór o empate no marcador.

Martín Ochoa buscou o segundo pola dereita do ataque despois de meterse entre os centrais, gañar liña de fondo e estrelar o balón contra o lateral da rede. O Dépor seguíao tentando, deixando momentos de gran fútbol, como unha xogada colectiva do equipo que acabou con gol anulado a Diego Gómez por fóra de xogo claro pero que deixou ver o estilo de xogo que practica este Dépor.

A segunda parte equilibrouse aínda máis se cabe e ambos os equipos apenas foron capaces de xerar perigo. No 55 un dereitazo de Marciano marchouse lixeiramente desviado. A resposta, un remate de Rubén desde a frontal de volea que se marchou botando tamén a escasos centímetros.

Un remate frouxo de Younes ás mans de Lemos e un intento de Diego Gómez de falta que se estrelou na barreira foi do pouco destacable até o tempo de desconto.

Xusto antes chegou un remate de cabeza desviado de Garaboa a cinco do final e un novo remate de Garaboa de volea desde a frontal. Todo facía indicar que o partido se ía á prórroga, pero no engadido o Almería encerrou ao Dépor na súa área e tivo un par de chegadas perigosas. A segunda, abortada pola defensa a un saque de esquina que acabou, de forma cruel para o Dépor, co soño da Copa.

RC Deportivo: Lemos, Berrocal (Parada, min. 94), Vilela, Seydi, Rubén, Mardones, Baldomar (Manu Ferreiro, min. 71), Martín Ochoa (Kevin Sánchez, min. 71), Diego Gómez, Hugo (Garaboa, min. 80) e Carlos (Guerrero, min. 80).

UD Almería: Bruno, Paco, Torres, Edu, Joan, Marciano, Marcos Peña, Varou, Rachad, Younes (Valen, min. 68) e Marsu (Oliva, min. 90).

Goles: 1-0 Martín Ochoa (min. 24); 1-1 Seydi -pp- (min. 26); 1-2 Rachad (min. 90+3).

Árbitro: Crespo Puente (c. cántabro). Amoestou a Berrocal (min. 81) e  Hugo Lemos (min. 90+5).

Incidencias: Segunda semifinal da Copa del Rey Xuvenil disputada no Reino de León. Antes do partido, os xogadores do Dépor saltaron ao campo con camisetas en apoio ao seu compañeiro Quique Teijo, lesionado de gravidade na eliminatoria de cuartos.