- Foto: @sefutbol -
#ANOSACANTEIRA estivo representada nestes compromisos das categorías inferiores da selección española masculina e feminina con David Mella e Elena Vázquez, dúas das grandes promesas de Abegondo.
Con David Mella xa de regreso na Coruña desde Turquía, a última cita para Elena Vázquez foi esta mañá cos deberes feitos para o seu equipo, a sub-17, clasificada para a seguinte rolda previa o Campionato de Europa da categoría.
A sub-17, con Elena Vázquez no once, concluíu con goleada a Grecia este primeiro torneo de clasificación
Elena Vázquez Brandón, futbolista do Orzán SD Xuvenil Feminino participou coa selección española sub-17 na Rolda 1 de clasificación para o Campionato de Europa da categoría.
O combinado nacional, xa co billete para a seguinte fase, concluíu este primeiro torneo no Estadi Olimpic Camilo Cano (La Nucía) fronte a Grecia, á que goleou (5-0) con tantos de Noa -2-, Celia Segura e Sofía Zagkli -2-.
Elena Vázquez foi titular e xogou completo un choque no que se puido comprobar a superioridade hispana.
A segunda cita para a defensora do Orzán SD Xuvenil Feminino foi o pasado domingo 25 de setembro ante Polonia no Estadio Polideportivo Municipal Pau Gasol (L'Alfàs del Pi).
As hispanas impuxéronse por 3-0 con goles de Cristina Redondo e Vicky López -2-, nun partido no que Elena Vázquez non tivo minutos.
A defensa orzanista, que aínda non cumpriu 15 anos, tivo como primeira rival a Bélxica no Estadi Olimpic Camilo Cano (La Nucía).
O triunfo tamén foi claramente español (4-0) nun partido no que Elena Vázquez arrancou no banco e saltou ao céspede no minuto 63 en substitución de Noemí.
Os resultados de Elena Vázquez coa selección española sub-17 foron os seguintes:
Xoves 22 de setembro
ESPAÑA 4 - BÉLXICA 0
Domingo 25 de setembro
ESPAÑA 3 - POLONIA 0
Mércores 28 de setembro
GRECIA 0 - ESPAÑA 5
Mella xa está de regreso na Coruña despois de ser campión coa sub-18 en Turquía
David Mella estivo concentrado coa sub-18 no Torneo IV Nacións que se disputou a localidade turca de Bursa.
O terceiro e último encontro deste combinado nacional foi o pasado luns ante Romanía no Minareli Çavuş Stadium de Nilüfer.
Mella foi titular e xogou os noventa minutos ante os romaneses. O choque acabou en empate (1-1), resultado que converte á selección española en campioa do torneo. Pol Fortuny anotou o único tanto hispano.
O pasado sábado disputouse a segunda xornada, coa anfitrioa Turquía como rival. O partido xogouse no Karacabey M. Fehmi Gerçeker Stadyumu de Karacabey e finalizou con triunfo de España: 1-3.
Mella relevou no minuto 67 a Dani Rodríguez e foi autor do terceiro tanto español, no 90, que sentenciaba o choque tralos iniciais do citado Dani Rodríguez e Rodrigo Martínez.
O primeiro partido de España foi ante Portugal o pasado xoves no Vakifköy Sport Facilites, na poboación de Yildirim, e saldouse con vitoria dos españois por 2-0. Os goles foron obra de Javier Bonar e Pol Fortuny. David Mella non gozou de minutos de xogo e seguiu o choque desde o banco.
Os resultados de Mella con España sub-18 foron os seguintes:
Xoves 22 de setembro
ESPAÑA 2 - PORTUGAL 0
Sábado 24 de setembro
TURQUÍA 1 - ESPAÑA 3
Luns 26 de setembro
ESPAÑA 1 - ROMANÍA 1
Onte martes 27 David Mella regresou á Coruña despois dunha longa viaxe desde Istambul e xa está ás ordes de Óscar Gilsanz.

