O DéporCampus Cabreiroá 2025, a principal actividade social que chega da man da Fundación RC Deportivo, concluíu a súa cuarta semana coa entrega de diplomas.
E do mesmo xeito que a semana pasada, uns 600 nenos e nenas foron os protagonistas repartidos na cuarta quenda de Abegondo; ademais de nas sedes de Silleda, Boiro, Bertamiráns, Cuntis e Vilalba, que se estreou este ano 2025.
A novidade consiste en que futbolistas do primeiro equipo deportivista xunto a canteiráns e canteirás son os encargados cada semana de repartir os diplomas, asinar autógrafos e fotografarse cos alumnos e alumnas.
Nesta ocasión, Villares, Mella, Cristian Herrera, Denis Genreau, Eva Dios, Raquel García, Vera Martínez e Marisa Martínez foron os protagonistas en O Monte (Abegondo).
Ramón Blanco visitou a sede de Bertamiráns; o concelleiro de deportes de Boiro, Ramón Fajardo, a sede desta localidade costeira; en Vilalba estiveron os canteiráns Nico Ruiz, Esteban Ruiz e Carlos Amido; Cuntis contou coa presenza de Andrés Picallo; e Sergio Cortizo, acompañado pola alcaldesa Paula Fernández e a concelleira de deportes Monica González foron os encargados de clausurar o DéporCampus Cabreiroá de Silleda.
Os DéporCampus Cabreiroá empregan o método Dépor, impartido por adestradores do Club; e baseado no respecto polo rival, o xogo limpo e o esforzo.
Entre os obxectivos están aprender e desenvolver a coordinación a través de xogos coordinativos; aprender as habilidades e conceptos na relación co corpo; aprender as habilidades e conceptos na relación co balón; traballar os fundamentos técnico-tácticos cunha metodoloxía analítica; competir e gozar mediante partidos en diferentes espazos; e finalmente transmitir os valores que representa o Dépor: RESPECTO, SOLIDARIEDADE, AMIZADE, XOGO LIMPO, INTEGRACIÓN, ESFORZO E FELICIDADE.
Toda a información sobre cada sede, quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto.
Aberto o prazo de inscrición para Zas
Con Abegondo e Cedeira xa esgotados, até o martes 22 de xullo ás 14:00 está aberto o prazo de inscrición para o DéporCampus Cabreiroá de Zas.
No entanto, os interesados en quendas que estean esgotadas poden anotarse nunha lista de espera. Para iso deben mandar un correo a deporcampus@rcdeportivo.es cos seguintes datos: Nome e apelidos do participante, teléfono, correo electrónico e quenda/s semanal/ais nos que está interesado.
A próxima semana, do 21 ao 25 de xullo, celébrase a quinta quenda de Abegondo; ademais de Sada.