O Fabril logrou sumar un punto ante o Bergantiños CF nas Eiroas este domingo 1 de marzo en partido correspondente á 25ª xornada en Segunda Federación.
Con este resultado, o filial deportivista suma 50 puntos na 2ª posición a 2 puntos do Oviedo Vetusta, líder con 52.
Manuel Pablo cre que "hai que dalo por bo tal e como se nos puxo o partido".
Foron baixa os lesionados Damián Canedo; Manu Ferreiro, con molestias nun isquio e á espera de probas complementarias para determinar o seu tratamento; e Vilela, cunha lesión muscular na cadeira dereita.
Tampouco estivo Bil, que viaxou co primeiro equipo a San Sebastián.
Pola súa banda, o Bergantiños CF, moi forte na herba sintética das Eiroas, chegaba en 9ª posición con 34 puntos.
Empezou ben o conxunto local e mal o Fabril.
Aos 9 minutos, o ex fabrilista Darío Germil pon por diante ao 'Bergan' ao rematar un centro desde a esquerda.
Primeiro remate e primeiro gol.
Con este revés no marcador, o Fabril monopolizó a pelota pero era o Bergantiños CF o que creaba perigo á meta de Álex Marqués, substitución de Hugo Ríos na portería neste partido.
Así, outro ex, Iago Novo, puido marcar até en 2 remates.
"Custounos moito na primeira parte", resumiu o técnico fabrilista, quen ademais apuntou que "non fomos capaces de gañar as segundas xogadas e tivemos perdas nesas situacións. Non entendemos que non tiñamos que ir tanto ao pé porque estaban moi encima e o campo tampouco nos axudaba".
Após o paso polos vestiarios golpeou de novo o conxunto carballés.
Aos 54 minutos, Peña recolle un balón longo e bate de novo a Álex Marqués.
Manuel Pablo move pezas. Domínguez e Pablo García relevan a Dipanda e Quique Teijo; e pouco despois Garrido a un vixiado Noé.
Apenas creaba lograr perigo o Fabril, que só inquietou a Canedo con remates de Nájera e Garrido.
"Na segunda parte dominamos máis aínda que nos custou nesa última liña porque se estaban replegando máis", explicou o preparador fabrilista.
Nájera logrou cortar diferenzas no minuto 81 ao rematar na área un centro de Enrique Fernández.
Apertou o Fabril para buscar o empate e logrouno no desconto grazas a unha falta ao borde da área transformada por Enrique Fernández, que substituíra a Íker Vidal nesta segunda parte.
"Insistimos, insistimos ata que ao final conseguimos o premio", concluíu Manuel Pablo.
O marcador xa non se movería e o filial deportivista suma 1 valioso punto nas Eiroas.
O vindeiro sábado 7 de marzo ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) o Fabril recibe no campo Arsenio Iglesias ao Rayo Cantabria.
Bergantiños CF: Canedo, Peña, Fito, Keko (Nacho Pastor, min. 66), Sola, Diego, Daniel, Álex Pérez (Barck, min. 86), Iago Novo, Koke (Javirro, min. 75) e Darío Germil (Asier, min. 86)
Fabril: A. Marqués, Quique Teijo, Aarón (David Domínguez, min. 67), Samu, Íker Vidal (Enrique Fernández, min. 57), Noé (Garrido, min. 75), Estévez (Pablo Cortés, min. 57), Mane, Nájera, Fabi e Dipanda (Pablo García, min. 67)
Árbitro: Gorka Mazo Maruri, do comité castelán-leonés. Amoestou a Fabi (min. 33), Keko (min. 39), Darío Germil (min. 69) e Samu Fernández (min. 89)
Goles: 1-0 Darío Germil (min. 9); 2-0 Peña (min. 54); 2-1 Nájera (min. 81); 2-2 Enrique Fernández (min. 90+5)
Incidencias: partido disputado nas Eiroas cunha gran entrada de afeccionados
