RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Goleada de #OsNosos para asegurar a segunda praza (0-4)

O Deportivo asegurou a segunda praza, que dá vantaxe no playoff de ascenso en caso de empate ao final dunha hipotética prórroga, ao impoñerse con claridade ao Real Valladolid Promesas, cuxa portería bateu en dúas ocasións en cada período, abrindo e pechando o marcador desde o punto de penalti.

Borja Jiménez, técnico branquiazul, realizou tres modificacións con respecto ao once titular do pasado sábado ante o CD Tudelano en ABANCA-RIAZOR. Dous deles foron en defensa, co ingreso de Jaime Sánchez e Héctor Hernández en lugar de Borja Granero e Diego Aguirre. O terceiro, en ataque, coa incorporación de Miku no canto de Mario Soriano.

O filial valisoletano saíu con máis brío que os branquiazuis, roldando a área coruñesa permanentemente. Con todo, a súa mellor ocasión nos primeiros minutos foi unha cabezada desviada de Arroyo, no minuto 5. O Dépor estirouse rápido. No minuto 7, un centro de Héctor Hernández desviouno Fresneda e atrapou fácil Aceves. Pouco despois, cando se cumpría o minuto 10, Fresneda cometeu un claro penalti sobre Diego Villares, ao írselle longo un control orientado na súa propia área e atropelar ao recentemente renovado centrocampista deportivista. Miku enganou a Aceves para inaugurar o marcador co seu undécimo tanto da temporada.

Lapeña tivo a oportunidade de abrir brecha no minuto 18, pero cabeceou moi alto un saque de esquina cando se atopaba completamente só no punto de penalti. Pouco despois, Paulo Vitor, o máis activo dos xogadores locais en ataque, disparou á dereita de Mackay desde o bordo da área. No minuto 21, Héctor Hernández bateu moi por riba do traveseiro un centro pasado de Antoñito.

Case de inmediato, un centro-chute de Arroyo puxo en moitos apuros a Mackay, que desviou o esférico a córner cando se coaba na portería coruñesa. Evitou o empate o gardameta coruñés e, só tres minutos despois, no 25, Alberto Quiles fixo o 0-2 nunha estupenda cabezada a centro de Héctor Hernández lonxe do alcance de Aceves. Foi o décimo oitavo gol do dianteiro andaluz no que vai de temporada, mellor rexistro dun xogador deportivista en liga desde as 29 dianas que deron o Pichichi de Primeira División e a Bota de Ouro europea a Roy Makaay no curso 2002-03.

O Real Valladolid Promesas non baixou os brazos e puido recortar distancias no minuto 37, cando Sergio Benito recibiu un balón en profundidade, recortou a Mackay e, case sen ángulo, disparou ao exterior do pau esquerdo do marco herculino. Nos minutos finais, Quiles e Antoñito tiveron dúas posibilidades en disparos desde a frontal da área, pero o zurdazo do dianteiro foise moi por riba do traveseiro e o empalme do rexeite dun córner do lateral dereito atrapouno Aceves.

A segunda parte arrancou cun claro dominio deportivista. Durante moitos minutos, o Dépor practicou un sólido fútbol-control, con numerosas chegadas por banda dereita por medio de Antoñito que con todo non atoparon rematador.

O filial valisoletano topouse coa madeira de novo no minuto 57, nunha acción de fortuna após unha boa triangulación entre Paulo Vitor e Sergio Benito con pase da morte do brasileiro cara á área pequena que desviou Lapeña cara á portería de Mackay e acabou co coiro estrelado no poste dereito.

No minuto 63, unha longa acción de ataque do Dépor concluíu cun pase de William ao bordo da área para a chegada de Álex Bergantiños, cuxo dereitazo perdeuse á esquerda do marco local. O encontro entón entrou nun tramo marcado por algunhas entradas duras por parte dos xogadores blanquivioletas e polo habitual carrusel de cambios, ata que no minuto 81 Miku recibiu na media lúa un pase de Álex Bergantiños, que se anticipou a unha mala saída do balón da zaga local, e definiu cun potente dereitazo pegado ao traveseiro para asinar o 0-3, o seu duodécimo gol do curso.

Nos minutos finais, co Real Valladolid Promesas completamente roto, puidéronse suceder os goles. Yeremay sacou achas do traveseiro no minuto 85. Uns segundos despois, Aceves sacou co pé un remate desde preto de Doncel despois dunha boa acción individual de Yeremay. E no tempo de prolongación, Álvaro Rey pechou o marcador co cuarto gol, ao transformar un penalti cometido sobre Antoñito por Paulo Vitor.

Real Valladolid Promesas: Aceves, Fresneda (Apa, min. 65), Saturday, Kike Ríos, Sergio Nieto (Diego Moreno, min. 78), Moha (Chuki, min. 65), Mikel Carro, Ortuño, Arroyo (Maroto, min. 83), Sergio Benito e Paulo Vitor.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández (Diego Aguirre, min. 82), Diego Villares (Josep Calavera, min. 77), Álex Bergantiños, Juergen Elitim, Quiles (Álvaro Rey, min. 69), Miku (Doncel, min. 82) e William (Yeremay, min. 69).

Goles: 0-1 Miku, de penalti (min. 11); 0-2 Quiles (min. 25); 0-3 Miku (min. 81); 0-4 Álvaro Rey, de penalti (min. 90+2).

Árbitro: Sáez Vital (c. andaluz). Expulsou por dobre amarela a Saturday (min. 89). Cartón amarelo a Héctor Hernández (min. 54), Saturday (min. 67), William (min. 68), Ortuño (min. 71), Chuki (min. 75) e Antoñito (min. 78).

Incidencias: partido correspondente á 37ª xornada do grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Anexo ao Estadio José Zorrilla con presenza de varios centenares de Deportivistas.