RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
ACTUALIDADE

Histórica clasificación de España, con Nuria Rábano, para a final do Mundial sub-20

- Foto: @SeFutbolFem -

A dianteira do Deportivo ABANCA Nuria Rábano está concentrada coa selección española sub-20 na Copa do Mundo da categoría, que se celebra na Bretaña francesa.

Hoxe luns 20 de agosto, España disputou unhas históricas semifinais ante Francia, no estadio A Rabine (Vannes). Nuria Rábano seguiu o choque desde o banco.

Nun partido de poder a poder, Patricia Guijarro adiantou a España na segunda metade, no minuto 51.

O partido deu un xiro coa expulsión, por dobre amarela, de Aitana Bonmatí no minuto 69.

Aínda encima, a colexiada do encontro, a hondureña Melissa Borjas, sinalou mans na área española de Laia Aleixandri no minuto 75. Pero Cata Coll, gardameta do equipo nacional, detivo a pena máxima que lanzou Katoto.

A partir de aí, moito sufrimento e sacrificio até o asubío final. España aguantou perfectamente ás francesas e o venres 24 agarda Xapón na gran final. Ambos os equipos víronse as caras na Primeira Fase. Naquela ocasión venceu España (1-0).

O pasado xoves 16 de agosto, o combinado nacional superou a Nixeria en cuartos de final (2-1). Nuria Rábano non chegou a saltar ao terreo de xogo.

España meteuse en cuartos como primeiro do grupo C ao empatar (2-2) no terceiro partido da Primeira Fase con Estados Unidos, que por primeira vez na historia quedou fóra na primeira rolda dunha competición que gañaron en tres ocasiones (2002, 2008 e 2012).

Após o descanso dese encontro, Pedro López, técnico español, fixo debutar á deportivista Nuria, que no minuto 59 saltou ao céspede en substitución de Lucía García.

Nos outros dous partidos da Primeira Fase, o citado choque fronte a Xapón e ante Paraguai (1-4), Nuria Rábano seguiu o xogo desde o banco.

O calendario de España, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Primeira Fase (Grupo C)
Luns 6 de agosto
PARAGUAI 1 - ESPAÑA 4

Xoves 9 de agosto
ESPAÑA 1 - XAPÓN 0

Luns 13 de agosto
ESPAÑA 2 - ESTADOS UNIDOS 2

Cuartos de final
Xoves 16 de agosto
ESPAÑA 2 - NIXERIA 1

Semifinais
Luns 20 de agosto
ESPAÑA 1 - FRANCIA 0

Final
Venres 24 de agosto
19:30: ESPAÑA - XAPÓN, no Estadio A Rabine (Vannes)