RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "O equipo está nun momento de crecemento, con ganas de demostrar e de dar un paso adiante cada día"

Irene Ferreras destacou na sala de prensa de Abegondo do DUX Logroño, rival do Deportivo ABANCA este sábado 24 de setembro ás 12:00 en Abegondo, que "é un equipo moi traballador, moi solidario nos esforzos, concede moi pouco espazo, xestiona moi ben ese espazo entre liñas, cos extremos que retornan e axudan en banda moitísimo".

A adestradora branquiazul cre que as rioxanas "van conceder moi pouco, provocan moi ben os erros, non necesitan de grandes ocasións de gol, con moita xerarquía e experiencia. Saben competir moi ben, esperar o seu momento, como presionarche, están cómodas defendendo..."

Así pois, pide facer "un partido desde a paciencia, desde a madurez, desde xerar ocasións e a partir de aí ir crecendo no partido".

Desvela que tralo empate de última hora do pasado domingo en Oviedo, "reflexionamos sobre o que pasou. Foi unha acción puntual despois de facer un partido moi serio e moi controlado, onde o equipo mostrou moi boa versión noutras facetas do xogo, non só no xogo ofensivo. Unha vez tomamos conciencia dos erros, apoiámonos nas boas sensacións que temos cada día. O equipo está a dar moi boa versión, segue con ánimo. Habemos tentando desde o primeiro momento mentalmente estar equilibradas sexa cal for a situación. Sempre necesitas esas 24 horas para pasar o duelo despois de que se nos escaparon eses dous puntiños, pero a partir de aí xa con ganas enormes de que chegue o sábado porque o equipo está nun momento de crecemento, con ganas de demostrar e de dar un paso adiante cada día".

De volta a Abegondo, Irene Ferreras comentou darse conta de que "se xa de seu a afección é importante nun Club, para nós este ano se cabe é máis importante. #ANOSAFORZA demostrou estar a un nivel que eu noutro contexto non vivín".

Nesta liña, subliña que "este ano se ten que xerar unha comuñón entre #ANOSAFORZA, xogadoras, staff e todo o persoal do Club. Desde ese sentimento de equipo somos capaces de facer resultados aquí. A nivel emocional sempre vai influír e a nós inflúenos moi positivamente xogar diante da nosa xente".