RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "O equipo está preparado. Mentalmente van estar as rapazas como avións"

Irene Ferreras subliñou esta mañá en rolda de prensa que o FC Barcelona B, rival mañá ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo) que non pode subir a Primeira pola súa condición de filial azulgrana, é "un rival máis. Así o afrontamos, sabendo que é o líder da liga e que queremos gañarlle para pornos líderes nós. Vimos que era un equipo que lle podía ir quitando puntos aos nosos rivais directos, pero agora tócanos a nós enfrontarnos a elas e así o afrontamos".

Explica que as azulgrana teñen moitas fortalezas: "Todos recoñecemos o estilo Barça. Temos que facer un partido moi serio desde a intelixencia táctica a nivel defensivo, decidir ben os momentos do partido, decidir cando hai que ser agresivas en presión, cando temos que estar un pouco máis xuntiñas. É un partido de matices. Vexo un Dépor ABANCA con moitos máis recursos para facerlles dano. Respectamos ao rival, pero sobre todo cremos nas nosas fortalezas".

Destaca do Barça B, que chega a Abegondo após caer no seu campo (1-2) ante o CDF Osasuna, que "mestura talento e formación. Todos sabemos o ben que se traballa na canteira do FC Barcelona. Son xogadoras que agora expoñen o traballo de moitos anos na canteira e evidentemente o seu staff técnico está a facer un gran traballo. Todas esas xogadoras evolucionan pero cando tes esas idades ese crecemento nótase un pouquiño máis. O que pasa é que nós tamén crecemos moito".

Vaticina "un partido igualado que vai estar en matices pero nós temos que sentirnos fortes, sentir que o noso obxectivo ao final de temporada é o día de mañá poder enfrontarnos ao seu primeiro equipo e así o temos que afrontar: con respecto, facendo ben as cousas que toca facer, sendo moi solidarias, traballando moito e logo estando acertadas en todos os nosos recursos ofensivos que son máis que na ida".

Irene Ferreras valora, após o empate (0-0) do pasado domingo ante o UDG Tenerife B, que "o equipo está a defender ben. Escápansenos os 3 puntos pero a realidade é que se nos fixamos só na faceta defensiva, non sufrimos grandes sobresaltos. O partido estivo moi controlado, faltounos un pouquiño máis de acerto nas situacións que puidemos crear".

Preguntada sobre a transcendencia do encontro de mañá, a adestradora deportivista admite que "ten unha motivación extra o feito de ver que cada vez queda menos. Non creo que sexa unha final. É unha bonita oportunidade de pornos líderes e demostrarnos a nós mesmas que podemos ser un equipo que estea aí no máis alto. Eu fun moi cauta na mensaxe desde o principio, imos ver onde estabamos dentro de tantos meses. Pois xa imos chegando a eses meses, xa imos vendo onde está o equipo. Creo que o meu equipo é capaz de gañar ao FC Barcelona. Imos ter que facer un moi bo partido para iso".

Pide tranquilidade e "non velo como o fin do mundo ou como que xa o conseguimos todo, pero aí estamos. Dentro de que non tivemos unha regularidade moi solvente durante toda a temporada, o que fala a clasificación é que somos das máis regulares porque, aínda que non sumásemos de 3 en 3 sempre, o resto de equipos tamén sofre".

Confesa que o de mañá "é un partido que a todos nos senta de maneira especial primeiro porque van primeiras, e por esa motivación de gañar ao primeiro que a nivel de confianza dáche logo un plus para afrontar o que vén. E a min como adestradora porque é o equipo con máis recursos da liga e que máis che esixe. Estudámolo ben, analizamos o que pasou alí, vemos en que cousas pode o equipo facelo mellor e levamos moitas semanas traballando para partidos deste tipo".

Sente "a fortaleza de que o equipo está preparado. Mentalmente van estar as rapazas como avións porque teñen esa motivación, porque queren terminar o sábado sendo líderes e porque queremos afianzalo cos seguintes partidos. Máis aló diso, mentres que os puntos e as contas sigan estando onde están, tranquilidade. De momento o que sabemos é que aquí en Abegondo somos bastante fiables e que o equipo chega nun bo momento".

Alerta de que nos 90 minutos de mañá "temos que adaptarnos a moitas cousas diferentes que se van a ir dando durante o partido. De aí nace ese interese que eu tiña ao principio de liga por ser un equipo adaptativo, non porque non queira que me identifiquen con algo, senón porque creo que os rivais xogan e moitas veces lévanche a contextos onde se cadra ti non querías estar, pero tes que competir igual de ben e teste que sentir igual de forte. Independentemente que esteas a ter o balón en campo contrario como defendendo en bloque baixo teste que sentir igual de forte. Nós teremos a posesión durante momentos. Elas terana durante outros. É un partido que a nós nos vai ben porque cando veñen equipos que presentan un fútbol máis caótico xa non desde o xogo directo senón desde non ter tanto control de xogo, si que é verdade que che custa máis porque o partido ten moita máis incerteza. Con todo neste caso somos dous equipos recoñecibles, coas súas armas para facernos dano o un ao outro e iso permíteche ter estímulos nos que fixarte. Cando tes estímulos podes dar respostas. Cando os estímulos son difusos e non sabes por onde che van as cousas cústache un pouquiño máis adaptarte ao partido. É un partido de control pola nosa banda, de control pola súa banda, de saber manexarnos en diferentes rexistros e cando teñamos os nosos momentos, que os saibamos aproveitar".

Das visitas de SD Eibar e Cacereño Feminino a Abegondo, dous equipos que tamén se presentaron en Abegondo no máis alto e que lograron puntuar, apunta que "aprendemos a coidar os matices, que un resultado é un ou outro en función dun detalliño, e deses detalliños imos aprendendo a base de experiencia. Son cousas que quizais no adestramento non podes recrear e que os partidos che van pasando. Hai que identificalos, ser consciente e levalos na mochila para que che sirva para competir mellor".

A técnico madrileña imaxínase que agora un acelerón pode ser importante na clasificación: "Creo que nalgún momento este equipo é capaz de ter esa regularidade e sígoo crendo. Isto é unha pelexa diaria contra moitas cousas a nivel técnico-táctico, a nivel condicional, a nivel mental sobre todo. Pero sigo crendo en que podemos atopar unha versión do Dépor ABANCA que sexa capaz de gañar. Eu dígolles ás xogadoras que cando demostremos que somos capaces de gañar, de gañar e de gañar e de sentir esa crenza de equipo gañador, entón falaremos doutra cousa (por exemplo ascenso directo). Mentres tanto, seguimos pelexando, indo día a día, relativizando as cousas tanto para ben como para mal. E ese é o camiño. Aínda quedan partidos, aínda van pasar moitas cousas e nós imos pelexar até o final".