RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "O noso maior obxectivo é manter o equilibrio tanto na vitoria como na derrota"

Irene Ferreras manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo, minutos antes partir de viaxe en autocar a Navarra que, trala derrota da pasada fin de semana ante o CP Cacereño, hai "24 horas de dor, de lamerte as feridas, de analizar tamén o que sucedeu e de mirar cara a adiante. Creo que o máis importante é iso. Eu sempre lles digo ás rapazas que o noso maior obxectivo é manter o equilibrio tanto na vitoria como na derrota".

Dese partido, recoñece que, en referencia ás estremeñas, "a primeira ollada ves un equipo moi físico sobre todo nos duelos e podemos ter a tendencia a pensar que nos falta algo diso, desas xogadoras quizá tan físicas, tan fortes nos duelos... Pero se nós crecemos no xogo que tentamos propoñer, temos e debemos de ser capaces de poder contra ese poderío físico. Se non estás precisa no que ti queres facer e non interpretas ben as situacións, vesche condicionado ao xogo do rival. Se ti estás mellor e podes impoñer o teu estilo de xogo, esa inferioridade física nótese menos".

Nesta liña sostén que "o fútbol feminino está a evolucionar moito en canto a condición física, as xogadoras traballan diariamente moitísimo no ximnasio e cada vez temos un equipo moito máis preparado para este tipo de partidos. Pero logo cada un elixe o perfil de futbolista que lle gusta para facer o que se pretende. Neste caso, creo que temos o perfil idóneo, o que pasa é que temos que tentar seguir crecendo no noso modelo de xogo para que cando nos enfrontemos a equipos dese tipo, dese perfil, sexamos capaces de impoñernos durante máis tempo no partido".

Así pois, a adestradora deportivista asegura que "fixemos análise do que sucedeu. Temos que ser capaces de ver máis aló da emocionalidade dun resultado. Creo que o equipo mantivo unha boa liña competitiva. É certo que cometemos erros que nos condicionaron moitísimo o resultado e a partir de aí xa fomos un pouquiño costa arriba e cun pouco de precipitación, pero sérvenos para aprender, para crecer como equipo. Temos que pensar xa en que nos fortalece esa derrota para ser mellor equipo na seguinte xornada e xa coa mente posta evidentemente no CDF Osasuna (mañá sábado ás 12:00 en Tajonar), que é o noso seguinte rival".

Precisamente do CDF Osasuna destaca "a súa presión intensa. É dos equipos senón o equipo máis efectivo na presión. Entón, entendo que nos tentarán poñer en dificultades, sobre todo nas nosas saídas, nos nosos inicios do xogo. Máis aló diso xa estamos a ver que calquera rival ten nivel suficiente como para poñerche en dificultades. O que temos que facer é mirarnos nós. Vimos cousas nas que podemos crecer a nivel de xogo. Imos tentar dar un paso adiante nesas cousas nas que traballamos esta semana e se nós estamos ben, seguro que temos moitas máis opcións de gañar o partido".