RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña: "Estamos a facer autocrítica, pero desde a unidade e desde a confianza de que isto o imos a sacar"

Adrián Lapeña asegurou esta mañá ante as medios de comunicación, tras recoller o Premio Estrella que o acredita como mellor xogador do Dépor no pasado mes de febreiro, que "o equipo principalmente está unido, que é o máis importante a día de hoxe".

Admite iso si que "estamos fodidos porque o tortazo que nos levamos o outro día ninguén llo esperaba e ninguén o desexa cando empeza unha liga. Non vimos facendo as cousas como as temos que facer, estamos a nos mirar cada un o embigo, facendo autocrítica, pero desde a unidade e desde a confianza de que isto o imos a sacar".

Subliña que nesta situación "o importante é que nos miremos cada un o que estamos a facer. É máis un tema de actitude, de querer ir, de compromiso. Iso é fácil revertelo porque está na cabeza e é darlle a volta, facer un cambio de chip no actitudinal. Ese é o principal punto a cambiar porque os xogadores son de calidade, o míster tamén nos dá boas consignas, prepáranos plans para os partidos e o que temos que facer é, desde a implicación, tentar reverter a situación".

Cre que non é o mellor momento para recibir premios individuais e "probablemente cambiaríao por mellores resultados, pero a situación é o que é e o obxectivo segue sendo o mesmo. Nós temos un camiño que empezamos a principio de liga. Non nos queremos saír del. Atopámonos con pedras grandes no camiño que igual non nos esperabamos, pero hai xogadores aquí que viviron situacións parecidas ou mesmo peores; e podemos e poden axudar a saír desta fochanca. Aquí ata que se acabe o calendario temos que tirar todos na mesma dirección".

O defensa deportivista apunta que "cando os resultados non saen, ese nerviosismo existe ou ese medo para fallar, que igual antes non tiñas. O que fixemos é xuntarnos, dicirnos cousas á cara, o que temos que cambiar, o que pode axudar ao compañeiro para mellorar o grupo. Iso é o fundamental. Non temos tampouco que volvernos tolos porque en situacións como esta, se te volves tolo, o único que pode ir é a peor".

Así mesmo, matiza a expresión 'dicir as cousas á cara': "Tratamos de axudar ao que tiñamos á beira a que mellore certos aspectos que desde fóra igual ven e desde dentro do campo ti non estás a ver. As conversacións que tivemos imos deixar para nós porque iso é un tema privado do vestiario que esperemos que se reflicta no campo e podamos darlle a volta á situación, que tamén #ANOSAFORZA merécello".

Como lectura positiva, Adrián Lapeña comenta que "non viñamos facendo as cousas todo o ben que as tiñamos que facer. Igual si que necesitas un golpe de realidade como o que tivemos o outro día. Podes perder porque é parte deste deporte pero o que non podemos é perder como o fixemos. É un golpe duro que todos nos demos conta que non estamos a facer as cousas ben. Isto vainos a servir para cambiar o chip, porque aínda estamos a tempo e o equipo ten esas capacidades para reverter a situación".

Non ve necesario que a Dirección Deportiva do Club "fale connosco para darnos conta que se chegou a un límite. Os xogadores somos os que probablemente máis nos importe o gañar partidos porque vivimos diso e somos os que máis nos amola cando as situacións non saen; pero é verdade que o equipo notou ese cambio de actitude porque viñamos non facendo as cousas ben. Sabiamos que nós tiñamos que cambiar certos aspectos. Desde o club tamén nos transmiten que a derrota é parte deste deporte, pero que tamén hai cousas que non se poden permitir. Nós aceptámolas, temos que corrixir e estou seguro que o equipo lle vai a dar a volta".

Preguntado pola candidatura presentada onte pola Federación Galega para ser a sede da fase final de Primera RFEF, o defensor branquiazul opina, tras disputar un playoff de ascenso, que "se ten que disputar en campos con moita capacidade para que a xente tamén poida gozar dun playoff, que é algo bonito. A día de hoxe o noso obxectivo é o mesmo que a principio de tempada e mentres os números dean, nós seguimos con ese plan".