O Alhama CF, recentemente descendido da liga F, crúzase de novo mañá domingo 26 de novembro ás 16:30 no campo José Kubala do Complexo Deportivo Guadalentín no camiño do Dépor ABANCA, en choque correspondente á 10ª xornada en Primera Federación Iberdrola.
Ambos os equipos víronse as caras en Murcia por única vez o 28 de abril de 2019 con motivo da ida da primeira eliminatoria da fase de ascenso a Primera División. Gañaron as deportivistas (0-1) cun gol de Yamamoto no minuto 56. Daquel partido hai dous sobreviventes no Dépor ABANCA actual, Lía e Cris Martínez (na foto da noticia), nun cadro naquela época integrado por Teresa Abelleira, Peke, Gaby, Nuria Rábano ou Alba Merino, entre outras.
Esa fase final concluíu co histórico ascenso logrado polas Nosas na seguinte rolda ante o CD Femarguín.
Os resultados da última xornada, co empate (0-0) en Abegondo ante o FC Barcelona B, deixaron ás branquiazuis con 22 puntos á fronte da táboa, igualado a puntos co RCD Espanyol.
Debido a que o partido se xogará en céspede sintético, Irene Ferreras levou ao cadro durante boa parte da semana ao campo do Monte en San Tirso, tamén de herba artificial.
O vestiario celebra ademais que a canteirá Paula Novo, en dinámica do primeiro equipo, entrou na fase final da recuperación da súa lesión de xeonllo e xa fai tarefas co resto das súas compañeiras.
O equipo deportivista ten a todo o seu cadro dispoñible, unha circunstancia positiva que se converteu en tónica habitual esta temporada. "Estamos moi contentos. Non estamos a ter mala sorte neste sentido. De momento vai todo ben, todas as xogadoras están dispoñibles e apertando moitísimo. Tocará tomar decisións outra vez", asegurou en rolda de prensa onte venres Irene Ferreras.
Vaticina a preparadora branquiazul "un partido duro por diante. Un recentemente descendido, candidato firme ao ascenso, na súa casa. É un equipo que o que fai faino moi ben, teno moi claro; e ten a xogadoras veteranas e con moito experiencia".
Pide ás súas xogadoras "unha versión competitiva importante, ser moi maduras e traballar o partido porque imos ter que sacar a relucir todas as nosas fortalezas".
Pola súa banda, o Alhama CF, que caeu a pasada fin de semana (2-1) na súa visita ao CD Alba Fundación Feminino, marcha nunha brillante 3ª posición con 19 puntos, a só 3 puntos da cabeza.
No José Kubala esta temporada, as murcianas gañaron ao Athletic Club B (1-0), CE Europa (5-0) e Cacereño Feminino (3-2); e empataron (2-2) co Atlético de Madrid B.
O Club lanzou unha campaña nas súas redes sociais e organizou visitas a colexios para encher o campo baixo o slogan de "nova cita coa historia", ilustrado cunha fotografía do partido daquela fase de ascenso.
En rolda de prensa, a futbolista Paula Moreno afirmou que "o equipo está moi metido. Estivemos traballando moi ben durante toda a semana. Desde que acabou o partido co Albacete estamos a pensar só no Deportivo. Imos ir a tope o domingo".
Cualifica o choque como "un partidazo. Somos dous equipos que imos loitar polo primeiro posto da clasificación. Será un partido moi competido".
Do Dépor ABANCA, Paula Moreno recalca que "está moi ben traballado, coñécense moi ben e teñen as ideas moi claras".
As Nosas realizaron á primeira hora da mañá un último ensaio en Abegondo, xusto antes de emprender unha longa viaxe, con esta folla de ruta:
Sábado 25 de novembro
9:00: Adestramento en Abegondo
13:10: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Alicante
14:45 (horario aproximado): Chegada a Alicante e traslado á AC Hotel by Marriot Murcia
Domingo 26 de novembro
16:30: Alhama CF - Deportivo ABANCA, no campo José Kubala (Complexo Deportivo Guadalentín)
Luns 27 de novembro
13:00: Saída do voo do Aeroporto de Alicante con destino Santiago
14:45 (horario aproximado): Chegada a Galicia