RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Barça B reforza o seu liderado en Abegondo (0-3)

O Dépor ABANCA e o FC Barcelona B xogaban en Abegondo un dos partidos destacados da xornada e da temporada coa oportunidade branquiazul de asaltar o liderado, en mans das blaugranas. Coas novidades, respecto ao partido de Tenerife do pasado domingo, de Lucía na portería, Samara no lateral dereito e Sara Navarro en lugar de Charle, o partido mostrou desde o arranque o que ían ser boa parte dos 90 minutos.

A primeira chegada do Barça B produciuse polo costado dereito, un quebradizo de cabeza para a defensa deportivista no primeiro tempo, cun centro de Laia Martret que non atopou rematadora porque se anticipou a zaga local para desviar a córner. Máis clara tívoa a propia Martret na seguinte xogada cun remate dentro de área que salvou sobre a liña Inés Altamira.

O Dépor ABANCA tentou a partir de aí construír xogo ofensivo, pero sen demasiada claridade mentres que, nunha xogada case idéntica á primeira ocasión do partido, pero agora con Martina Fernández como protagonista, o Barça B non perdoou para fusilar a Lucía e pór o 0-1 no marcador con máis de hora e cuarto por diante aínda.

O Dépor ABANCA probou por primeira vez a Meritxel Font nunha condución de Millene que acabou rematando raso ás mans da gardameta culé. Ari Arias tamén puxo a proba desde a frontal a Lucía que en dous tempos atallou o disparo afastado do equipo visitante.

Por terceira ocasión repetiu o Barça chegada pola dereita con Laia Martret e cesión ao punto de penalti para Ariadna Mingueza, que non rematou ben e o seu disparo marchouse lixeiramente desviado da portería deportivista.

De falta, cometida sobre Sara Navarro e lanzada por ela mesma, tivo unha boa ocasión o Dépor ABANCA, pero non puideron rematar a pesar de que o balón se paseou pola frontal da área pequena nin Raquel, nin Inés, nin Laura. Tampouco houbo sorte co remate da propia Laura a centro de Ainhoa que se atopou coa perna de Noah Bezis.

Á volta de vestiarios, co cambio de Letti por Laura, o Dépor ABANCA pisou área rival pronto cunha xogada de Ainhoa que non puido culminar. En fronte, unha longa xogada de combinacións en ataque acabou cun centro desde a dereita que non tocaron nin as dianteiras blaugranas nin Inés Altamira pero que si atopou o pé de Samara que empuxou o balón á súa propia portería para pór o 0-2 no marcador e aumentar a dificultade da remontada con 40 minutos por diante.

Cos movementos no banco activados o partido cambio algo de cara. O Barça B estivo a piques de facer o terceiro, pero evitouno Lucía cun paradón mentres que ao Dépor ABANCA seguíalle custando xerar perigo, como o disparo de Ainhoa alto á saída dun saque de esquina desde a frontal ou o intento de chilena, desviado, de Charle.

Co Dépor ABANCA tentándoo, pero sen claridade de ideas, un balón o longo á carreira da recentemente ingresada Lucía Corrales permitiu á xogadora barcelonista regatear a Lucía na saída e anotar, a porta baleira, o terceiro e definitivo.

Non desistiron As Nosas na procura do gol, pero coa mesma certeza que no resto do partido. Un remate de cabeza desviado de Cris Martínez e outra chegada de Millene desviada pola defensa a córner puxeron o punto final a un partido no que o Dépor ABANCA buscaba os tres puntos para asaltar o liderado pero atopouse tres goles en contra para reforzar o do Barça B.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Monteagudo, min. 77), Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín (Eva Dios, min. 85), Sara Navarro (Charle, min. 64), Laura Fernández (Letti, min. 46) e Millene.

Barça B: Meritxel Font, Martina, Adriana Ranera (Alba Caño, min. 64), Noah Bezis (Berta Doltra, min. 79), Ariadna Mingueza, Julia Bartel, Giulia Dragoni (Lucía Corrales, min. 64), María Rabaza, Laia Martret, Judit Pujols e Ari Arias (Ari Sánchez, min. 85).

Goles: 0-1 Martina (min. 13); 0-2 Samara (min. 50); 0-3 Lucía Currais (min. 81).

Árbitra: Trujillano Gallardo (c. andaluz). Amoestou a Henar (min. 63) e Noah Bezi (min. 66).

Incidencias: partido correspondente á 23ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 700 espectadores.