RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA apela ao "plus máis de enerxía" de Abegondo e ANOSAFORZA para lograr o ascenso

O Deportivo ABANCA pon mañá sábado 9 de xuño o punto e final a unha larguísima temporada que arrincou a mediados do mes de xullo de 2022.

No horizonte das branquiazuis está o reto do ascenso á liga F co partido ás 12:00 (YouTube RC Deportivo e TVG-2) en Abegondo ante o Granada CF correspondente á volta do playoff final.

Para logralo, As Nosas deben gañar o encontro por máis de 2 goles de diferenza ao termo dos 90 minutos ou por 2 ou máis tantos ao finalizar a prórroga, co que igualarían o marcador da ida disputada o pasado sábado no Estadio Novo Os Cármenes (2-0) e lograrían o obxectivo sen lanzar penaltis debido á mellor clasificación na liga: terceiras as deportivistas por quintas as granadinas.

As Nosas encoméndanse á maxia de Abegondo e a #ANOSAFORZA, que esgotou nunhas poucas horas todas as entradas na Cidade Deportiva, incluída unha bancada supletoria instalada nun dos fondos do campo principal.

Irene Ferreras, en rolda de prensa, subliñou que "o factor campo para nós vai ser fundamental. O feito de xogar a volta en casa permítenos esa capacidade de reacción".

Ten claro a adestradora deportivista que "vai haber algo especial, un plus máis de enerxía. Temos que saír a dalo todo, non nos podemos deixar absolutamente nada. O Club envorcouse para que teñamos o maior contexto de arroupo posible. Ademais de competir e demais, témonos que permitir o luxo de gozar de algo así, dun momento así".

Subliña Irene Ferreras que "vivir un momento así é un privilexio. Durante toda a temporada aquí #ANOSAFORZA nos xa axudado moitísimo. Agora van botar o resto para sacar esta proeza adiante, que creo que é posible. Cada día desta semana nos habemos ir alimentando desa idea e realmente crémolo posible".

Todo o cadro está a disposición de Irene Ferreras, ademais da canteirá Paula Monteagudo.

Pola súa banda, o Granada CF apeou en semifinais ao CDF Osasuna con vitoria nos 2 partidos: 2-0 en casa e 0-3 en Tajonar.

O seu técnico, Roger Lamesa, manifestou que após derrotar ao  Dépor ABANCA na ida "foi unha semana bonita de adestramentos. Vimos de moitas emocións moi bonitas nos Cármenes e entón o equipo está a traballar moi ben, está a ter moi boas sensacións e con moitas ganas de viaxar á Coruña".

O adestrador granadino lembra que no partido de mañá "hai un factor resultado que hai que ter en conta. O noso adversario pódeche facer cambiar o marcador e pódeche facer sentir pantasmas; e viceversa, ti cun gol podes facerlle entrar pantasmas ao teu adversario"."

Vaticina un partido "moi emocional" e lembra que o Dépor ABANCA "no seu campo é probablemente o equipo máis forte na súa categoría".

De feito espera a un equipo deportivista "con moitas ganas de darlle a volta ao marcador. Van saír a por todas, empuxadas pola súa afección. Entendemos que vai ser un partido moi complicado, quizais o máis complicado da temporada fóra de casa".