RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor ABANCA, campión de inverno, recibe ao CP Cacereño co obxectivo de sumar a súa terceira vitoria consecutiva

O Deportivo ABANCA recibe en Abegondo a unha das sorpresas da liga, o CP Cacereño, mañá sábado 21 a partir das 12:00 horas (TVG-2), en partido correspondente á 16ª xornada, primeira da segunda volta.

Co triunfo en Granada, As Nosas suman 31 puntos e recuperan o liderado de Primera Federación FutFem, con 1 punto de vantaxe sobre a SD Eibar (2º con 30) e con 3 sobre precisamente o CP Cacereño e DUX Logroño, ambos con 28 puntos.

Así pois, campioas de inverno, galardón honorífico "que para min ten un mérito tremendo. Fixémolo a base de traballo, de esforzo, crecemento", afirmou Irene Ferreras ante os medios de comunicación.

A adestradora deportivista márcase como reto "conseguir 3 vitorias seguidas que non fixemos aínda e temos a oportunidade perfecta, en #ANOSACASA, ante o rival que máis ganas lle temos".

Causan baixa Henar Muiña, sancionada por acumulación de amoestacións; e por lesión Aroa Guerra e Samara. "Estamos amoladas polo baixas pero ilusionadas pola oportunidade que van ter outras xogadoras", conclúe.

Entrou finalmente na citación Laura Fernández, a pesar de levarse a peor parte dun choque con Henar nun balón dividido en Granada. A atacante deportivista nin sequera puido regresar á Coruña co resto da expedición porque tivo que pasar polo Hospital de Neurotraumatología e Rehabilitación granadino para ser avaliada e curada dun corte na zona periorbital.

Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA. Da futbolista viguesa falou onte a adestradora deportivista en rolda de prensa. "Con Paula está a ser un proceso para enmarcar porque a primeira charla que tiven con ela o primeiro día de pretemporada, partindo da base da carencia desa xogadora zurda foi de 'xa sei que non é a túa posición pero temos a oportunidade de traballar aí e de que teñas algunha oportunidade no primeiro equipo. Vai ser un camiño longo porque se cadra vas estar moitos meses que non vas entrar e vaste expor a situacións nas que non te vas a sentir cómoda'. Foi incrible a madurez coa que o afrontou. É unha moza que todos os días adestra en dinámica do primeiro equipo. Non pon unha mala cara para nada. Sufriu un proceso de transformación en canto á súa posición e adaptouse moi ben. Hai un mes ou mes e medio víaa adestrando cunha soltura que non vira antes. Iso sumado ao feedback que me dá Cris (Oreiro) de como estaba a competir co filial facíame exporme darlle algunha oportunidade. Hai un mes tivemos unha conversación onde lle dixen que fose paciente, que valorabamos moito o seu traballo, que nos estaba axudando moito, tanto en adestramentos como en sentir ao equipo con moitas máis opcións e máis sólido. Un mes despois dáse esta situación. Entra en convocatoria por méritos propios porque foi unha decisión que tomei. Podía optar por outras xogadoras e entrou ela por méritos propios pensando na posibilidade de que Samara non podía aguantar todo o partido. Ao final o cambio deuse antes do esperado e foi incrible como se saíu ao campo, como se desenvolveu. Deunos máis finura na saída de balón, máis claridade. A partir de aí o equipo empezou a xogar mellor. Teremos que seguir traballando moitos aspectos porque non é a súa posición e aínda lle custa. Aquí o mérito de todo o proceso teno ela e o traballo que puxo. Eu encantada da predisposición que tivo para axudar ao equipo. Veremos se é a xogadora que finalmente ten que quedar aí ou podemos incorporar a algunha xogadora a última hora que nos poida axudar nese rol".

Pola súa banda, o CP Cacereño chega a Abegondo despois de caer o pasado domingo na súa visita ao DUX Logroño (2-1).

Na primeira parte da competición, con motivo do partido de ida en Cáceres, as estremeñas foron as únicas de toda a categoría que foron capaces de apagar as luces das branquiazuis: 4-0.

Lonxe do seu campo, o Estadio Manuel Sánchez Delgado, o CP Cacereño é ademais un equipo perigoso, con triunfos ante Athletic Club B (1-3), UDG Granadilla Tenerife B (0-1), CD Juan Grande Ginelux (0-1) e Real Oviedo (0-1); empates con CDF Osasuna (0-0), FC Barcelona B (1-1); e derrotas unicamente contra o CD Alba Fundación (1-0) e a citada en Logroño.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA adestrarase de novo en Abegondo o domingo 22 de xaneiro ás 09:00 horas.